O manifesto, con vocación universal, presentarase o 18 de febreiro no primeiro encontro de blogueiros enogastronómicos.
Os blogogastrónomos fan público este venres o seu código de boas prácticas, que será coñecido como Código Cociña. O texto, fundamentado en cinco principios, pretende autorregular a información que se publica nas bitácoras como un xeito de axudar os lectores a tomaren decisións sobre temas enolóxicos ou gastronómicos.
Creado por Manuel Gago, Óscar Beiro, Soledad Felloza, Jorge Guitián e Miguel Vila, o Código Cociña pretende estenderse a todo o mundo e traducirse a todas as linguas posíbeis. Polo de agora, está integrado por 27 blogs de todo o Estado, pero conta con se estender a partir da súa presentación pública, prevista para o 18 de febreiro, durante o primeiro encontro de blogueiros enogastronómicos.
O manifesto está inspirado nos códigos deontolóxicos do xornalismo, aínda que deixa total liberdade estilística e temática. Pódese consultar na web CodigoCocina.org, e para se adscribir abonda con incluír un logotipo e unha ligazón no blog gastronómico.