Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Posíbel regreso dos membros do PSDP

A dereita sadense está próxima a reunirse de novo baixo as siglas do PP

Despois da saída de Ramón Rodríguez Ares, promotor do experimento transfuguista de curto percorrido no poder, é probábel a readmisión dos membros do PSDP.

Redacción - 09:00 25/01/2008

O concelleiro do Partido Demócrata Sada Popular (PDSP) Fernando Illanes anunciou este xoves que o próximo martes os edís interesados en volver ás listas do PPdeG da localidade coruñesa de Sada coñecerán se son ou non readmitidos, tras seren expulsados en 2004.

Illanes recoñeceu a Europa Press que se produciron numerosas conversacións e encontros entre os concelleiros de PDSP e o líder do PP de Sada, Xosé María Hernández Cochón, para negociar o reingreso de varios dos seis edís expulsados pero que é un tema que seguirá tratándose mañá e o martes.

Nos devanditos encontros decidirase cantos destes seis concelleiros finalmente piden o seu reingreso nas listas populares, de cara a que a dirección provincial tome unha decisión formal, despois da súa expulsión tras a moción de censura que presentaron ao BNG, con Abel López Soto como alcalde, coa axuda dun voto tránsfuga dun edil do partido socialista.

Illanes opinou que dende o PP o seu regreso vese "con bos ollos" xa que teñen "un ideario común" co PDSP. "É desexable que todos os votos de centro-dereita da localidade estean unidos", malia que recoñeceu que aínda non tomou unha decisión ao respecto.

Pola súa banda, o líder do PP local, Xosé María Hernández Cochón recoñeceu a Europa Press que "é mellor que o PP sexa un partido forte, que non un débil e dividido", polo que se mostrou a favor do seu reingreso e asegurou que, se iso se produce, "serán tratados como uns membros máis do partido".

Hernández Cochón recordou que o prazo de expulsión xa venceu, polo que sería posible a súa volta ao PP, aínda que sinalou que debe ser a xefatura do PP provincial a que decida. Así, o presidente do PP provincial, Juan Juncal, recoñeceu recibir varias solicitudes pero declarou non tomar a decisión "de momento" por ter que consultar os estatutos primeiro".

Catro anos despois da polémica moción de censura
A comezos de 2004, a vida política sadense vírase axitada pola teimuda estratexia de Ramón Rodríguez Ares para recuperar a alcaldía de Sada. Daquela, o grupo municipal do PP presentara unha moción de censura co apoio do concelleiro do PSdG-PSOE José Luís Santamaría. O tránsfuga socialista rachaba así o pacto co BNG, o que supuña deixar en minoría o goberno local, e era posteriormente expulsado do partido polos socialistas.

O posterior tirapuxa de Rodríguez Ares co seu propio partido debido ao escuro procedemento para a recuperación do poder, resolvíase coa súa expulsión e posterior creación dunha nova formación política, o PSDP. En 2007, os veciños de Sada outorgáronlle ao BNG a maioría dos votos, malia producirse un empate en número de concelleiros co partido de Ramón Rodríguez Ares. Despois dunhas axitadas semanas de negociacións, o voto do único edil elixido da Agrupación Sada Unida, ASU, concedíalle ao Bloque a alcaldía.


2/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: