Xuventude impulsa un curso en liña para que a mocidade galega coñeza a lingua do país veciño.
Rubén Cela e Elías Torres, vicerreitor da USC, na presentación do curso
A mocidade do país xa pode aprender portugués na rede. O curso "Portugués para nós" é unha ferramenta gratuíta de ensino da lingua do país veciño impulsada pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade de Vicepresidencia co apoio da Universidade de Santiago.
O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, explicou que se pretenden impulsar "os lazos existentes entre os dous países", e responde "á demanda de formación na lingua do país veciño por parte dos mozos e mozas de toda Galiza", demostrada polo "grande éxito" dos cursos de portugués que se veñen ofertando. O interese final é "afondar no coñecemento mutuo entre a mocidade galega e a portuguesa".
As persoas interesadas pódense acceder ao curso en portuguesparanos.com ou en xuventude.net, xa sexa en calidade de visitantes ou de inscritos, co que poderán participar activamente nas actividades. Entre todos os participantes, que obterán un diploma ao rematar o curso, sortearase unha estancia de fin de semana en Lisboa.
Ao remate do curso, preténdese que a mocidade teña competencias básicas para a comunicación en portugués e comprenda textos simples, tanto orais como escritos, ao tempo que valorizan a lingua portuguesa en relación a outros idiomas do mundo. O esquema formativo consiste en oito bloques temáticos, que á súa vez contan con vídeo e audio, gramática, léxico e actuacións de comunicacións, sumado a un apartado sociocultural.
A web emprega a solución de aprendizaxe de código aberto Moodle. Portugués para nós realízase ao abeiro do programa Mobilitas, enmarcado na iniciativa europea Interreg Galiza-Norte de Portugal para incrementar os nexos de unión entre os dous territorios. No investimento de 617.740 euros colaboran tamén o Instituto Português da Juventude, o Eixo Atlántico e a Fundación Galicia Europa.