Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Mostras de dramaturxia

Do clásico ao independente: teatro para todos os públicos

Lugo e A Coruña acollen esta semana dous festivais de teatro que se consolidan chegando á oitava e sétima edición respectivamente.

Redacción - 11:55 22/01/2008
Cyrano de Bergerac será representado en Lugo

Cyrano de Bergerac será representado en Lugo

Cursos, charlas, coloquios, improvisación, escenarios, nunha palabra: teatro. A Coruña acolle até o vindeiro sábado 26 a súa VII Mostra de Teatro Independente, que este ano contará con conversas sobre os problemas da dramaturxia, e cursos de experimentación vocal entre outras novidades. Tamén Lugo mira esta semana cara as táboas. O teatro máis clásico chega á cidade da Muralla até o domingo 30, cun programa que comeza co tradicional Cyrano de Bergerac.

O Fórum Metropolitano e o bar Cachivache serán os escenarios, e nunca mellor dito, para a celebración da VII Mostra de Teatro Independente da Coruña. Este ano, os organizadores realizaron un interesante programa no que destacan o coloquio que manterán os representantes dos grupos locais de teatro amador e o curso vocal impartido polo actor Juan Curiel.

As representacións comezan o 22 de xaneiro con As cicatrices da memoria da compañía Dequenquén Teatro, e continúa até o 26 do mesmo mes coas actuacións improvisadas dos membros de Artestudio, con Portoceive. Freeport; a representación de Cinema por parte de Estibón teatro o día 24; A impotencia de se chamar Ernesto, de Oscar Wilde, interpretado por Oquetiqueiras Teatro o 25 e para rematar o Teatro do Grilo representa Picnic, mentres que os Falcatrueiros pecharán a mostra con Clownscola.

Todas estas funcións comezarán ás 20:30 no Fórum Metropolitano e o seu prezo será de catro euros para o público xeral e de dous con carné xove e para maiores de 65 anos, a excepción dunha sesión golfa co monologuista Gari, no bar Cachivache a partir das 23:00, que será de entrada gratuíta.

Outra ollada: o clásico

Esta semana Lugo mira tamén cara o teatro, pero neste caso, cara os textos clásicos. A VIII edición desta Mostra, organizada polo Concello e Caixanova, conta cun ambicioso cartel que comeza o martes 22 coa representación de Cyrano de Bergerac, a cargo da compañía Concha Busto, para continuar con obras de grandes dramaturgos como William Shakespeare, Molière, Lope de Vega, José Zorrilla ou Carlo Goldoni.

As representacións terán lugar no Auditorio Municipal Gustavo Freire, e achegarán a Lugo algunhas das mellores compañías de teatro estatais, como Teatro La Abadía ou a Compañía Nacional de Teatro Clásico entre outras. O prezo establécese entre os 12 e os 7 euros, dependendo da zona, con descontos para estudantes, persoas en paro e xubilados. Ademais pódense mercar bonos para as 7 funcións a 52 euros na zona A, 38 euros na zona B e 24 na zona C.

Aquí podes descargar o programa enteiro.


Documentos

Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A improvisación é un dos atractivos da Mostra Independente da Coruña
A improvisación é un dos atractivos da Mostra Independente da Coruña