O ciclista de Mos denunciou o verán pasado ao xornal italiano por un seu artigo que o relacionaba coa 'Operación Puerto'.
O pasado 5 de xullo Óscar Pereiro denunciaba o xornal italiano Il Giornale pola publicación e difusión dunha noticia na que relacionaban ao ciclista co sobrenome Urko, que aparecía nas listaxes de alcumes do doutor Eufemiano Fuentes, principal implicado na 'Operación Puerto'.
Na segunda feira desenvolveuse a audiencia previa no Xulgado de Primeira Instancia do Porriño, onde ámbalas dúas partes expuxeron as súas probas.
O corredor do Caisse d'Epargne dixo que non desexa chegar a ningún acordo co diario, posto que quere levar o proceso deica o final. Pola súa banda, Il Giornale dixo terse baseado no texto atopado nun blog no que se dicía que o nome Urko, que aparecía entre os moitos alcumes do sumario da 'Operación Puerto', estaba relacionado con Pereiro, posto que este era o nome do can o ciclista galego. Mais o nome real do can, segundo Pereiro, é Zor.
O caso segue aberto e, segundo o corredor mosense, vai servir para evitar que se siga a manchar o seu nome no futuro, nun momento no que moitos dos seus compañeiros se viron na obriga de se retirar a causa do veto de padecen por parte dos organizadores das competicións oficiais, sen que exista ningunha sanción oficial tras unha investigación, a da 'Operación Puerto', que o xuíz decidiu pechar no seu momento.