O equipo ciclista profesional galego cumpre o seu segundo ano, concentrado no Baixo Miño. Na súa presentación oficial, Pino podería dar xa a lista de convocados para a primeira proba, o Tour malaisio.
A vindeira quinta feira día 24 de xaneiro o Karpin Galicia preséntase publicamente, no Hostal dos Reis Católicos, en Compostela. Para viaxar a Compostela, os ciclistas terán que facer un alto na concentración, que veñen desenvolvendo dende a semana pasado no Baixo Miño. O acto marca oficialmente o comezo da segunda tempada no pelotón profesional do equipo galego.
Despois de seren presentados, os corredores viaxarán de novo cara A Guarda, onde seguirán a adestrar en equipo até o día 26.
Do 9 ao 17 pedaleando por Malaisia
A estrea na competición do KGZ xa ten data; será o vindeiro 9 de febreiro en Langwaki (Malaisia). Álvaro Pino, director deportivo do KGZ, xa ten pensada a combinación de corredores que han viaxar a Malaisia, estreando tempada e, se cadra, éxitos deportivos da outra banda do mundo.
David García, Gustavo César Veloso, Ramón Troncoso, Juan Mourón, Paleo e Isaychev son, nun comezo, os homes que correrán neste tour malaisio, sempre que o ruso Isaychev consiga o visado.
Algúns van coller práctica, coma David García, aínda que na loita polo protagonismo poderían estar Mourón, Paleo e Troncoso. Os outros doce corredores que fican libres irán competir a Mallorca. Destes só Ezequiel Mosquera, Gonzalo Rabuñal, Delio Fernández, Alberto Fernández, Vorganov e Mayoz correrán en todas as etapas da rolda.