Os nacionalistas consideran incomprensíbel que se proxecte a tres anos unha obra que Fomento debería rematar en ano e medio.
Atasco na rotonda da Galuresa
O concelleiro de Cultura do Concello de Compostela, Néstor Rego, fixo pública na mañá deste venres a oposición do Bloque Nacionalista Galego á distribución orzamentaria disposta polo Ministerio de Fomento que adía o remate das obras do túnel da Galuresa até o 2011. Segundo argumenta o edil compostelán "unha obra que pode facerse en ano e medio vai tardar tres anos e medio en ser executada, o que, dende un punto de vista técnico é incomprensíbel".
Dende o Bloque enténdese a decisión como "un xeito de acomodar o ritmo das obras á súa distribución orzamentaria que prevé que un 50% do desembolso se adíe até o 2011, o que supón pospoñer unha obras que xa arrastran un atraso moi importante doutros Executivos anteriores".
Resolver un atasco crónico
A necesidade da construción do túnel do Hórreo para aliviar o tráfico que, día a día, conflúe na Galuresa en forma de atasco, constitúe unha necesidade primordial para resolver os problemas de tráfico da cidade. Xa no segundo mandato do ex alcalde Xerardo Estévez se presentaron iniciativas que as distintas administracións non foron quen de materializar.
Os nacionalistas anunciaron que nos debates orzamentarios para 2009 defenderán o remate das obras para finais de 2010, xusto antes da avalancha de visitantes que se prevé para o ano Xacobeo.