A banda deseñada galega contará cun stand de seu no prestixioso festival francés, e despois continuará a súa promoción na Habana, Barcelona, Boloña, Lisboa e Frankfurt.
Galiza contará cun espazo propio no Festival Internacional de Angouleme, un dos escaparates máis importantes da banda deseñada en todo o mundo, e que se desenvolverá na cidade francesa entre o 24 e o 27 de xaneiro. Este espazo informativo, xestionado pola Consellaría de Cultura, exhibirá a exposición A Banda Avanza ademais dunha selección de publicacións feita pola Mesa da Banda Deseñada que representa a produción actual en Galiza de autores como Antonio Seijas, David Rubín, Fausto Isorna, Manel Cráneo. Kike Benlloch, Miguelanxo Prado, Pepe Carreiro, Norberto Fernández ou Xaquín Marín, entre outros.
Despois de Angouleme, a banda deseñada galega tamén terá un espazo de promoción no marco da Feira do Libro da Habana o vindeiro febreiro; na capital cubana, instalarase unha exposición que recollerá a creación da banda deseñada galega na última década e asistirán autores e deseñadores. E por primeira vez unha representación da mellor produción de banda deseñada galega achegarase a Portugal ao Festival de Beja e á Bedeteca de Lisboa para continuar a súa promoción en encontros como o Saló do Cómic de Barcelona e as feiras do libro de Boloña e de Frankfurt.