Horacio Fumero Trío será o encargado de realizar o tributo, este xoves pola noite no Fórum Metropolitano, dentro do Festival Iberojazz'08.
Iberojazz cumpre este ano a súa terceira edición, consolidándose entre os festivais de jazz da península. Esta semana ofrecerá dous novos concertos, ambos no Fórum Metropolitano. O primeiro deles, a noite do xoves, renderalle unha homenaxe ao pianista catalán Tete Montoliu, nun recital a cargo do arxentino Horacio Fumero Trío, con entradas entre sete e nove euros.
O concerto do venres, tamén ás nove da noite no Fórum, unirá no escenario a Musikene, o Combo do Centro superior de música do País Vasco, e a Cosmac, o Combo do Conservatorio Superior de Música da Coruña. Así mesmo, este xoves pola noite, unha vez remate o concerto do Horacio Fumero Trío, o Club Filloa acollerá unha jam session a cargo de Abuña Jazz.