Acció Cultural del País Valencià recibiu un ultimato do goberno valenciano baixo a ameaza de abrir expedientes sancionadores.
A Generalitat Valenciana deulle un ultimato a Acció Cultural del País Valencià (ACPV) para que en dez días deixen de emitir tres repetidores da televisión catalá, o situado en Torrent e os de Alginet e Losa e Ranes. Estas instalacións danlle servizo á área metropolitana de Valencia e a comarcas próximas.
Segundo informou ACPV, o comunicado oficial ameaza con abrir expedientes sancionadores se non se cumpre co "peche voluntario". As sancións ás que se enfronta serían semellantes á multa de 300.000 euros que se lle impuxo hai uns meses á asociación e ao peche doutros tres reemisores.
A entidade xa convocou manifestacións nos vindeiros días en Alacante e en Alcoi, e manterá unha reunión a vindeira semana para estudar as accións que tomará perante a ofensiva da Generalitat. A ACPV considera que o goberno valenciano pretende perseguir e abafar economicamente a asociación e mais o movemento cidadán a prol da pluralidade informativa.