Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
IGREXA, MONARQUÍA E EDUCACIÓN

Editoriais de Tempos Novos: O desafío vaticano

Na súa progresiva radicalización contra todo o que se identifique coa modernidade, os cardeais Rouco, Cañizares e García-Gasco seguen os anatemas que non teñen outra finalidade que denunciar a insubordinación da lei civil á moral católica. Adiantamos os editoriais do número de xaneiro da revista TEMPOS Novos.

TEMPOS Novos - 11:19 17/01/2008

Na súa progresiva radicalización contra todo o que se identifique coa modernidade, os cardeais Rouco, Cañizares e García-Gasco seguen os anatemas que, inspirados por Ratzinger durante o papado de Wojtyla, e ratificados agora con ese seu chamamento a unha loita ideolóxica, non teñen outra finalidade que denunciar a insubordinación da lei civil á moral católica. Carta branca, pois, para que o sector neofranquista do episcopado suba aos escenarios da loita política e mitinee como o faría o PP contra o Goberno socialista, no que detectan a raíz dese e de tódolos demais males. Bieito XVI, e con el a Cope e os tres purpurados, dan un paso máis, convencidos de que é nas crises das democracias onde máis garantido teñen o seu espazo de influencia política e social. A iso obedeceu a concentración neoconservadora da madrileña praza de Colón, na que os relatores anunciaron a apocalipse familiar -por mor do divorcio, o aborto, o matrimonio homosexual e a Educación para a Cidadanía-, trasladándolles aos concentrados a idea de que un executivo que induce a aprobar normas contra natura é un goberno ilexítimo. Así que todo vale para depoñelo nas calendas de marzo, malia o estatus de privilexio que sempre lles recoñeceu a costa de seguir ficcionando a aconfesionalidade do Estado. É agora cando hai que facela real.

Abriu a veda

Cando desde o conservadorismo máis irreverente, que ten na radio dos bispos ao seu predicador máis radical, e desde a primeira páxina do xornal que máis tira á esquerda, que xoga a provocar, reclaman a abdicación do Rei ou en troques a súa xubilación anticipada, é que se abriu a veda. Máis tarde ou máis cedo, o debate que sempre se nos escamoteou desde os anos da Transición, monarquía versus república, acabará por impoñerse. Os primeiros gobernos puxeran á familia real baixo sete cadeados, e ata lle deran un estatuto de seguridade sometendo a censura todo canto se dixera ou escribira sobre calquera dos seus membros. A monarquía instaurouse con pecado de orixe, e tódolos coidados eran poucos para non facer dela neses tensos anos un volcán de imprevisibles consecuencias. Foi útil non cuestionala de entrada, o que facilitou que tres anos máis tarde ninguén puxera reparos para que a Constitución a asumira como instrumento de mediación. Tampouco deron os Borbóns motivos de recusación nestes trinta anos de maduración democrática. Pero con todo iso andado, nada aconsella que se a manteña intocable, e en base a iso haxa xuíces súbditos capaces de facer dunha caricatura humorística un delito, retorcendo por exceso de celo o dereito á liberdade de expresión, nin que soe a traizón que en defensa da república, o modelo de Estado que mellor se adapta ás esixencias dunha democracia participativa, alguén poña en cuestión a existencia mesma da monarquía. Nada indica que ese sexa, polo de agora, un sentimento maioritariamente compartido. Pero iso non quita que non poida suceder algún día. A soberanía reside no pobo, e en consecuencia tamén o dereito a decidir en toda circunstancia o modelo de Estado e de convivencia.

Que futuro queremos?

Para tirar proveito do informe PISA cómpre fuxir de discursos apocalípticos, adoito partidarios, tanto como de olladas triunfalistas, puro oportunismo de urxencia. O estudo da OCDE non avalía todo o sistema senón as competencias científicas, matemáticas e lectoras dos mozos e mozas de 15 anos, e malia a que detecta síntomas preocupantes, en ningún caso é abondo para desacreditar un modelo educativo, o comprensivo, que está na base da nosa LOXSE e que en Finlandia acada os mellores indicadores. O que PISA cuestiona é o desenvolvemento dese modelo, e iso está nas aulas e fóra das aulas. Á parte do fracaso escolar, arrastramos un déficit sociocultural importante a causa dun cambio social acelerado e aínda sen consolidar. Amais, carecemos de resposta á desestruturación da familia tradicional, isto é, dun deseño institucional alternativo que recompoña o crebacabezas social logo da incorporación das mulleres á vida laboral. Educar implica a tribo toda, e por iso docentes, pais, nais, medios de comunicación, tecido asociativo e administracións teñen que cooperar na transmisión de valores non contraditorios. Ofrecer solucións é complexo, nomeadamente sen sistemas propios de avaliación, pero se aceptamos Finlandia como referente haberá que ser coherentes. Maior investimento en ensino público, si, pero tamén máis formación, máis esixencia e máis prestixio social do profesorado. Atención personalizada do estudante, tamén, pero en paralelo a unha participación maior e mellor dos pais e das nais. En definitiva, cómpre decidir que cidadáns e cidadás queremos para o futuro e poñer os medios, as estratexias e os tempos, sobre todo os tempos, que for necesario poñer.

Editoriais publicados na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 128, xaneiro de 2008)


4,7/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: