Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
VOTACIÓN EN SONO-TONE.NET

TAB, The Homens e Fanny&Alexander, podio da música galega

Ataque Escampe, Nadadora, Narf, Apenino, Noise Project, Galegoz e Nouvelle Cuisine completan os dez mellores discos de 2007 para os lectores da revista.

Redacción - 09:01 15/01/2008

A música galega está a vivir un momento emerxente. Xa o pasado ano, cando a revista dixital Sono-tone realizou a súa primeira votación dos mellores discos galegos do ano, a calidade dos álbumes máis votados, na súa meirande parte discos de debut, amosaba a boa saúde da escena galega. Un ano despois, a segunda votación popular volve ofrecer un panorama do que nos podemos sentir orgullosos.

O álbum de debut de Triángulo de amor Bizarro foi, para os lectores da revista, o mellor disco galego do ano (217 votos), seguido do Tres, de The Homens (195) e Finais dos 70, comezos dos 80, de Fanny & Alexander (178). Ás portas do podio ficaron os Ataque Escampe (171), co seu ep Ed Wood e a invasións dos paraugas asasinos, Nadadora con Hablaremos del miedo (169), e Narf con Totem (167). Completan os dez primeiros Apenino (Un rayo de sol), Noise Project (Teleclube), Galegoz (Revolution Dance) e Nouvelle Cuisine (Autodictado). Seis dos dez discos, en galego.

Na votación do 2006 os gañadores foran 6PM (Far from perfect, Junk Records), por diante de Niño y Pistola (Como un maldito guisante, Mulberry) e Projecto Mourente (Baixo os eucaliptos, A Regueifa Plataforma). Entre os dez primeiros aparecían tamén Dios ke te Crew, The Homens, Samesugas, Marful, Sevigny, Catpeople e Pé de Boi.

Todos os estilos
Como escribía a propia Sono-tone o pasado ano "Hai 30, 20, 10 ou mesmo 5 anos a calquera grupo galego non lle teria sido nada dificil ver o seu disco entre os dez mellores -deixémolo en favoritos- discos galegos do ano. Unha lista de seguro dominada por un par de estilos coma moito". A competencia é moita, e por iso quedan fóra dos dez primeiros álbumes coma 120 Capadores, Manifesto Dobarrista, ou os últimos traballos de Nao, Colectivo Oruga, Meu ou Franc3s. En total, entraron na votación 52 álbumes, de practicamente todos os estilos: por suposto rock e pop en case todas as súas derivacións, electrónica, folk, canción de autor, hip hop ou blues.


5/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Triángulo de Amor Bizarro (Foto: Rafael Mallo)
Triángulo de Amor Bizarro (Foto: Rafael Mallo)
The Homens (Foto: Janite)
The Homens (Foto: Janite)