Un colectivo estadounidense deseñou unha ferramenta informática que avalía a afinidade do internauta respecto de cada candidato.
Ao xeito daquel "E ti de que pé coxeas?" ao que lles convidamos a participar hai tempo, o colectivo estadounidense Glasbooth, creado para argallaren xeitos "innovadores" de facilitar o acceso á información política, puxo na rede unha interesante ferramenta ao fío das presidenciais 2008.
Trátase dunha aplicación que convida os internautas estadounidenses a mediren a súa proximidade ou afastamento a cada un dos candidatos nas eleccións primarias que convocan os principais partidos. Calquera internauta pode avaliar a súa propia afinidade por cada candidato en dous pasos: en primeiro lugar seleccionando os temas que máis lle interesen e en que grao, e a continuación contestando un test sobre eses temas. En función das respostas saberán se son vostedes 85% de Clinto, 75% Edwards ou se cadra, 80% de Obama.