A selección galega de judo dominou a Fase Sector do Campionato Estatal Absoluto, disputado esta fin de semana en Lugo, conseguindo 24 prazas para a final.
Galiza dominou o Sector Sénior Absoluto de Judo, disputado esta fin de semana no Pavillón Municipal Infanta Elena de Lugo. O equipo nacional conseguiu gañar 10 das 14 medallas de ouro que se xogaban, e 24 das 40 prazas dispoñíbeis para a fase final, superando, deste xeito, a propia marca, ao clasificar a 25 judokas para a fase final (24 no Sector de Lugo e un da listaxe coas mellores marcas estatais).
Cunha participación de 120 judokas de Galiza, Castela e León, Cantabria e Asturias, a Federación Galega demostrou o seu potencial nesta categoría.
10 ouros e 24 clasificados
Das 40 prazas que había para pasar á fase final do campionato, que se ha celebrar en Madrid os días 27 e 28 de xaneiro, 24 foron para judokas galegos (12 para as mulleres e 13 para os homes).
Son 24 deportistas que, unidos a Lara Rodríguez (que xa se clasificou pola súa boa posición na listaxe estatal de mellores judokas), fan unha marca histórica para o judo galego.
Ademais das 10 medallas de ouro conseguidas, a selección galega ficou con 9 medallas de prata, 6 de bronce e 4 cuartos postos, mais á fase final só van acudir os tres primeiros de cada peso (categoría).
Por riba dos contrincantes
Galiza conseguiu clasificar case aos mesmos judokas que as outras tres seleccións xuntas. A selección de Castela e León ocupou o segundo lugar, clasificando 11 judokas, mentres que Asturias e Cantabria clasificaron 3 e 1 judokas, respectivamente.