Reafirmou o obxectivo de acadar a transferencia de Salvamento Marítimo.
"O BNG quere que Galicia sexa recoñecida como nación dentro do Estado español, recoñecido este como Estado plurinacional", afirmou Quintana nunha entrevista publicada este domingo en Faro de Vigo. O voceiro nacional do BNG engadiu que o proceso de autogoberno é "un proceso dinámico, que consiste en que aos poucos o país vaia tendo maiores capacidades competenciais". Deste xeito Anxo Quintana descartou unha consulta popular sobre a autodeterminación de Galicia, semellante á anunciada polo lehendakari Juan José Ibarretxe para 2008, porque o BNG "non é unha forza independentista, senón nacionalista".
O vicepresidente da Xunta reafirmou o obxectivo de conseguir as competencias de Salvamento e Seguridade Marítima debido a que "parece máis lóxico organizar o salvamento marítimo desde aquí e non a mil quilómetros de distancia". "Estaremos mellor preparados para afrontar unha catástrofe", puntualizou. Así mesmo, incidiu en que un dos obxectivos do Bloque é "frear o proceso de recentralización no ámbito territorial, de involución democrática e de regresión social que está propondo o Partido Popular", xa que "as ideas que está preconizando o señor Rajoy son tremendamente prexudiciais para Galicia".