O deputado republicano tivo unha forte discusión con Eduardo Zaplana durante un debate no Congreso
"Non terán credibilidade mentres teñan como presidente de honor a Manuel Fraga, manchado de sangue. Doe, pero vano oír". O deputado de ERC Joan Tardá pronunciou esta frase na xuntanza Deputación Permanente do Congreso que debatía unha proposta do PP para poñer en marcha o proceso de ilegalización de ANV-EAE e o PCTV-EHAK. Despois das airadas protestas dos deputados populares, o voceiro republicano insistiu asegurando que "é un feito obxetivo" que Fraga "comandaba as forzas represoras franquistas cando cinco traballadores morreron a mans da Policía en 1976" (os sucesos de Vitoria) e que "era ministro cando se asesinou a Julián Grimau".
O voceiro do Grupo Popular, Eduardo Zaplana, pediu a palabra para saír en amparo do seu grupo e tachou de "desprezábeis" as expresións de Tardá. O dirixente de ERC reafirmouse nas súas palabras e agregou que ningunha democracia europea permitiría que se concedese a presidencia de honor dun partido a unha persoa que participara "activamente" no goberno dun ditador, e lembrou o caso de Kurt Waldheim, o ex presidente austriaco cuestionado tras descubrirse a súa colaboración coas SS do nazismo.