Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ESTUDO DA USC

A gratuidade dos libros de texto ameaza ás pequenas editoriais

O informe, encargado pola Asociación Galega de Editores, alerta de que a reducción de vendas obriga ás editoriais galegas a publicar en castelán para sobrevivir.

Redacción - 18:16 11/01/2008

O sector editorial en galego está a sufrir fortes diminucións nos seus volumes de vendas tras a implantación do sistema de préstamo en 2003. Os resultados do informe amosan que en 2006 vendéronse un 25% menos de libros de texto que en 2001. Ante esta situación, as editoriais galegas vense obrigadas a publicar cada vez máis en castelán para lograr vender exemplares noutras comunidades do Estado Español.

Isto tradúcese nun descenso espectacular da producción de libros de texto en galego editados en Galiza unha producción que pasou do 94,6% dos títulos das editoriais integradas na AGE no 2000 a que no ano 2005 só se producisen en galego o 28,7% dos libros de texto editados en Galiza.

Para os editores galegos, os argumentos aducidos polo goberno galego para defender a política de gratuidade dos libros de texto (educación en valores de coidado e conservación do material escolar) son "pouco sólidos". A Asociación Galega de Editores defende a aplicación dun sistema de axudas directas ao alumnado, no canto do sistema de empréstito adoptado pola Xunta. Segundo o informe presentado o sistema de axudas directas (vixente en Asturias e Cantabria) non é moito máis caro para a dministración que o de empréstito (en Castela - A Mancha, Aragón e Galiza) cunhas medias de gasto por alumno de 105 e 76 euros respectivamente, un 28% menos no segundo caso.

Cada vez menos libros de texto en galego
A metade dos ingresos das editoriais galegas no ano 2006 procede do libro de texto. Ademais as peculiaridades do mercado editorial da nosa lingua, como que Galiza conta cun número reducido de alumnos matriculados no ensino obrigatorio e ademais o galego está moi pouco estendido na educación obrigatoria na nosa comunidade, fano moi sensible a medidas como o sistema de préstamo. Estes factores poderían acabar co peche de moitas pequenas editoriais galegas nos vindeiros anos, denuncia a AGE.

Ademais, segundo o informe de 2006 da Evolución e Estado Actual do Sistema Educativo en Galiza, un de cada tres centros educativos carecen de suficientes materiais educativos en galego.

Como consecuencia desta situación, o galego é a lingua oficial española na que menos material educativo se edita, (apenas o 3,3% do total en Primaria e o 3,9% na ESO), mesmo por debaixo do euskera (8,6% do total en Primaria e o 6,6% da ESO), malia a contar Euskadi e Navarra cunha poboación escolar inferior á galega.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: