Os dous equipos enfrontaranse o vindeiro 25 de maio. A última palabra tena a federación española, que non autorizou aínda aquel famoso Cataluña-EUA.
Arxentina vai ser o vindeiro rival da selección catalá de fútbol, segundo confirmou a federación propia (FCF), que pechou un acordo coa empresa Multimedia Sports e a Asociación de Fútbol Arxentina (AFA).
O partido, amistoso, xogarase en Barcelona, no Camp Nou, o vindeiro 25 de maio. Mais aínda fica que a Federación Española de Fútbol (RFEF) autorice á catalá para que se poida xogar o partido, cousa que non se vai poder saber deica o 18 de xaneiro.
A selección arxentina xa xogou en Cataluña (tamén no Camp Nou) o 29 de decembro do 2004, no tradicional partido de Nadal, mais naquela altura gañou por 0-3, con goles de Scaloni, Maxi e Galletti.
No partido programado para maio os xogadores cataláns Pep Guardiola e Roger García van recibir unha homenaxe, organizada pola súa federación.