Foi o neozelandés Edmund Hillary, lenda do alpinismo, xunto co sherpa Tenzing. Ámbolos dous chegaron ao cumio do Everest, de 8.848 metros, o 29 de maio de 1953.
Edmund Hillary foi o primeiro home da civilización occidental en chegar ao cumio do monte máis alto do mundo, chamado Sagarmatha (a fronte do ceo) no Nepal, e Chomolungma ou Qomolangma Feng (nai do universo) en chinés.
Na tarde da quinta feira a primeira ministra de Nova Zelandia, Helen Clark, anunciou a morte do explorador, ao tempo que o describía como unha figura heroica. Ao informar do falecimento de Hillary, chegado após unha breve enfermidade, a primeira ministra falou "da súa determinación, humildade e xenerosidade". "O lendario montañeiro, aventureiro e filántropo é o neozelandés de máis renome que existiu nunca", terminou Clark.
Nado en 1919 en Auckland, Nova Zelandia, Edmund Hillary traballou como piloto na Segunda Guerra Mundial e foi labrando a súa fama como escalador de xeos.
Aquela subida ao Everest
Foi o 29 de maio de 1953. Hillary e mailo sherpa Tenzing Norgay (que pasou á historia de desigual xeito que o neozelandés) chegaban ao cumio da Terra.
Despois desta heroica proeza, o explorador liderou unha chea de expedicións ao Polo Sur e dedicou a súa vida a defender os dereitos dos sherpas da rexión de Khumbu, no Nepal. Nos anos 60 creou unha fundación que construíu hospitais, clínicas, pontes, escolas e outros servizos básicos no país. Unhas décadas após, o Nepal nomeouno cidadán de honra. Nos anos 80 tamén foi embaixador da India.
Despois de rubir polas paredes do Everest... chegou a polémica
Os montañeiros británicos Georges Mallory e Andrew Irvine, faleceron namentres escalaban o Everest en 1924, nunha das primeiras expedicións británicas, na vertente Moine da Agulla Verde. O descubrimento dos restos de Mallory no Everest en 1999 reabriron a polémica sobre quen foi a primeira persoa en rubir pola montaña máis alta do mundo.