Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
CONSUELO GONZÁLEZ E CLARA ROJAS

Presidente venezuelano recibe das Farc-Ep as coordenadas para a liberación das retidas

O presidente Hugo Chávez, anunciou este mércores que o ministro de Relacións Exteriores venezuelano, Nicolás Maduro, está realizando as xestións correspondentes ante o seu homólogo colombiano, para activar a Operación Humanitaria coa Cruz Vermella en Colombia e recibir ás dúas liberadas.

Xurxo Martínez Crespo - 12:40 10/01/2008

O presidente da República Bolivariana de Venezuela, Hugo Chávez Frías, anunciou en cadea nacional de radio e televisión, que o goberno venezuelano recibira en horas da mañá (á tarde hora galega), por parte da Comandancia das Fuerzas Armadas Revolucionarias de Colombia-Ejército del Pueblo (Farc-Ep)), as coordenadas precisas para o rescate de Clara Rojas e Consuelo González, as dúas persoas que serán liberadas polo grupo rebelde.

O anuncio fixoo durante o acto de recoñecemento dos integrantes das seleccións masculina e feminina de voleibol, quen clasificaron esta semana aos Xogos Olímpicos de Beijing 2008.

O presidente indicou que o ministro de Exteriores, Nicolás Maduro Moros, estaba realizando as xestións precisas mediante unha comunicación formal, coa súa homologo colombiano, Fernando Araújo, para que outorguen as autorizacións ás aeronaves venezuelanas coas identificacións correspondentes da Cruz Vermella Internacional, e así poidan ingresar a territorio colombiano, especificamente no Guaviare, a procurar ás persoas liberadas, nas primeiras horas da mañá de mañá xoves (na tarde hora galega).

Así mesmo expresou que confía en que nas próximas horas estas persoas que serán entregadas, estean en liberdade, e avogou pola paz tanto de Colombia, como en calquera lugar onde existan conflitos armados.

Recordou o presidente Chávez, que esta operación humanitaria, implica o rescate de dúas persoas, xa que o neno Enmanuel, fillo de Clara Rojas, agora está baixo a protección do Goberno colombiano. A nai do neno, ex candidata á vicepresidencia de Colombia no partido de Ingrid Betancourt, e a ex senadora Consuelo González, que permanecía cativa desde o 10 de setembro de 2001 serán liberadas mañá.

Cómpre recordar que na derradeira semana de decembro de 2007, iniciouse a Operación de Rescate Humanitario Enmanuel, a cal fixou base en Villavicencio, até o día 31 de decembro, cando os delegados internacionais que observaban o proceso, retiráronse do lugar, logo das declaracións do presidente Colombiano, Álvaro Uribe Vélez e de que as FARC enviasen un comunicado onde manifestaban dificultades para realizar a entrega, despois que se intensificasen as operacións militares colombianas na zona.


3,67/5 (3 votos)