Preséntase Aula de Galego, o primeiro manual adaptado aos CELGA, e a edición actualizada de Vencello.
Os Lectorados de Lingua e Cultura Galegas de todo o mundo, coordinados por Kristal Veiga Novoa, de Filologies Gallega i Portuguesa da Universitat de Barcelona, e, María García Liñeira, do Centro de Estudos Galegos de The Queen's College da University of Oxford, apostan por un proxecto de formación e modernización do ensino da lingua e cultura galegas, adaptado ao ámbito internacional, que nos sitúe na vangarda da didáctica de linguas. As xornadas xorden como resposta á necesidade de adaptación do ensino da lingua galega ao novo enfoque comunicativo que, dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística, se formalizou nos Certificados en Lingua Galega (CELGA). Aínda que se trata dunhas xornadas moi especializadas, conta con 45 inscritos, máis da metade son lectores de galego nas universidades de Europa.
Interveñen especialistas en didáctica de lingua para estranxeiros do ámbito galego, catalán e español, como Sergio Troitiño, Joan Berengueras e Margarita Chamorro e mais o especialista en pragmática Xavier Laborda. O programa inclúe talleres aplicados á didáctica do galego, con especial atención ás actividades de lingua e os entornos dixitais que servirán para centralizar e coordinar os esforzos que se desenvolven non lectorados de galego grazas a unha concepción modular dos materiais e a interactividade que permiten os soportes dixitais. Nestes talleres interveñen Kristal Veiga e Carlos Cordeiro (da Universitat de Barcelona), Sonia Varela e Paulo Filgueiras (da Universitat Autònoma de Barcelona), e Xavier Cid (da Universidade de Stirling).
No marco destas xornadas preséntase dous manuais de aprendizaxe do galego elaborados co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia: o novo Vencello, o manual elaborado polo equipo do Proxecto Galauda, coordinado por Sabela Labraña, da Universitat de Barcelona, e Aula de Galego, coordinado por Pablo Garrido, de Difusión, o primeiro manual dispoñíbel adaptado para a preparación dos CELGA.