O presidente da Xunta fixo o anuncio logo dunha reunión con representantes do Conxuga.
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, aproveitou este martes para anunciar que en 2008 a Xunta vai aprobar a Lei do Voluntariado e a Lei da Mocidade. Touriño fixo esta declaración no decurso dun encontro coa comisión permanente do Consello da Xuventude de Galiza (Conxuga). O máximo mandatario galego coida que por primeira vez vai haber no país políticas integrais pensadas e consensuadas coa mocidade.
A presidenta do Conxuga, Dolores Rodríguez, referiuse á Lei Galega de Vivenda que cualificou como “positiva”. Porén, Rodríguez cre que non está a haber unha boa interlocución entre a Consellaría de Vivenda e o órgano que preside e pediulle publicamente a Touriño que servise de ponte co departamento da nacionalista Teresa Táboas.
O presidente da Xunta non quixo valorar as relacións entre o Conxuga (presidido polas Xuventudes Socialistas) e a consellaría nacionalista e limitouse a asegurar que “tomaba nota”. Aínda así, Touriño aproveitou para destacar as axudas estatais en materia de vivenda.