Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CON TRES ANOS DE RETRASO

'Inaugurado' o edificio da biblioteca pública de Compostela

O Ministerio de Cultura aínda non lle presentou á Consellaría o texto do convenio que permitirá á administración galega traballar dentro do edificio.

Redacción - 13:55 03/01/2008

A nova Biblioteca Pública de Santiago de Compostela entrará en funcionamento en marzo, despois de que o Ministro de Cultura, César Antonio Molina, inaugurase este mércores o edificio, con tres anos de retraso, e aínda baleiro. Segundo Ánxela Bugallo as présas do Ministerio debéronse a razóns electorais, pois en marzo celébranse eleccións e César Antonio Molina, como candidato do PSOE pola Coruña, non podería inaugurar o centro nese momento. A Consellaría apuntou a este respecto que o Ministerio "confunde a inauguración dun edificio, que só está composto de paredes, coa dunha biblioteca, que é moito máis ca iso".

A Consellaría de Cultura farase cargo da xestión do edificio unha vez se asine un convenio para o seu traspaso, un convenio que o Ministerio aínda non presentou. Asi e todo, hai meses que comezaron os traballos destinados a completar o equipamento do centro e dotalo dos fondos necesarios. Na actualidade, dezasete persoas ocúpanse da selección e adquisición de fondos, o proceso técnico e a implantación do sistema informático, unha plantilla que aumentará a 37 traballadores a partir de marzo.

DVDs, Cds e banda deseñada

Os traballos céntranse agora mesmo na adquisición de títulos. A colección consta nestes momentos de mais de 60.000 obras, cunha importante presenza de dvds (documentais, cine independiente e cine galego), cds musicais, programas informáticos, publicacións periódicas, unha numerosa colección de libros para público infantil e unha bedeteca cunha coidada representación da banda deseñada galega. A Consellaría investiu xa 300.000 euros na compra de fondos, e ao longo de 2008 farase un investimento de outros 200.000 euros.

A colección inicial de 21.800 títulos que figuraban na anterior sede da biblioteca na praza de Salvador Parga caracterizábanse por ter unha media de antigüidade superior aos 20 anos e carecer de sección infantil/xuvenil, fondos audiovisuais e sonoros e recursos electrónicos. A Consellaría de Cultura e Deporte procedeu a ampliar o catálogo con novos fondos máis actualizados e en soportes diversos. Nestes momentos están catalogadas máis de 42.000 obras.


4/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: