Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Proxectos da Xunta para 2008

Dos pactos territoriais de emprego á nova lei de vivenda: lista pendente do bipartito

As cualificadas en 2005 polo actual Goberno como "políticas do cambio", afrontan un ano decisivo despois dun 2007 en que se aprobaron até 35 proxectos de lei. As novas directrices de ordenación territorial serán piar destacado para este 2008.

Europa Press - 09:00 02/01/2008

Unha vez superado un 2007 do que destaca a "intensidade" normativa, cun total de 35 proxectos de lei aprobados, este ano a Xunta pretende apuntalar as apostas programáticas coas que os partidos que a integran demandaron o apoio dos cidadáns o 19 de xuño de 2005, como a defensa do territorio e do medio, o impulso social ou unha nova orientación económica.

Así, tras dar luz verde a normas como a de Protección do Litoral, nos próximos doce meses verá a luz unha das grandes promesas: as directrices de ordenación, piar da política urbanística do bipartito e do que dependerá o conxunto das medidas nesta materia, xunto ao tamén pendente plan integral para ordenar o desenvolvemento da costa.

Ámbito social e de interior
O ámbito social experimentará importantes cambios a partir da Lei de Servizos Sociais e a consolidación de medidas deseñadas dende o cambio de goberno, como a Rede de Centros de Día, que prevé un notable aumento do número de prazas, ou a posta en marcha da rede de residencias de Sogaserso, ás que se sumará o afianzamento do Sistema de Atención á Dependencia, a creación do de Apoio á Mobilidade Persoal, o 065 social, o Plan de Inclusión Social ou a lei de Acción Voluntaria e a de Xuventude.

Trátase de actuacións baixo o paraugas de Vicepresidencia, que tamén se encargará de impulsar os traspasos pendentes, un reto elemental para a Consellaría de Presidencia ante o despregamento da Policía Autonómica, que requirirá da negociación con Madrid para concretar as materias que asumirá o futuro corpo, entre as que Galiza aspira a tráfico e seguridade viaria. Ademais, o departamento regulamentará o gabinete técnico da Policía, o rexistro da local, a segunda actividade e os procedementos sancionadores.

Complementariamente, afrontará o desenvolvemento da Axencia Galega de Emerxencias e a constitución dos consorcios provinciais, a construción de dez parques de bombeiros e a aprobación do Estatuto Profesional. Á parte, o equipo de Xosé Luis Méndez Romeu prevé o decreto de autoprotección, o de indemnización en situación de catástrofe, o Plan Territorial de Protección Civil de Galicia e outro para supostos especiais, así como a informatización da xustiza e o fomento da administración electrónica nos municipios.

Pola súa banda, Educación abordará a reformulación do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG) no seo dun grupo de traballo que, con Economía e as tres universidades, se encargará de adaptar o escenario á realidade do Espazo Europeo de Educación Superior. Adicionalmente, nos primeiros meses presentará o II Plan Galego de Formación Profesional que prepara con Traballo e continuará coas accións que viña desenvolvendo en materia de gratuidade de libros, ensino de idiomas ou apertura de centros fóra do horario escolar.

Innovación, sectores produtivos, cultura e sanidade
Mentres, a Consellaría de Innovación darálle luz verde á lei de Comercio Interior e prevé implantar a Rede de Comercio Rural de Galiza, ademais de aprobar a Lei de Turismo, que se encargará de regulamentar as accións nesta materia, o decreto de Biomasa e iniciar a construción de tres centros tecnolóxicos, incluídos o do leite e o de biomedicina.

Polo que respecta aos retos de Medio Rural, o afianzamento da política de fixación de poboación no rural iniciada a comezos desta lexislatura e a aposta pola calidade de vida dos labregos e gandeiros, mediante un Contrato de Explotación Sostible, constitúen os grandes vectores para 2008, aos que se sumarán un servizo de consello agrario, que afectará a unhas 13.000 explotacións, a plena operatividade do Banco de Terras --actuando en 25.000 hectáreas actualmente abandonadas-- e a posta en marcha definitiva do Ingacal, así como a consolidación dos pasos promovidos no ámbito forestal para lograr a valorización integral do monte.

En canto a Cultura, continuará coa preparación das unidades da Cidade da Cultura que entrarán en funcionamento en 2009: o Arquivo Nacional e a Biblioteca, e ten pendente a presentación da lei de Arquivos e da de Museos, así como a posta en marcha do Plan de Lectura e do de Artes Escénicas, a presenza de Galicia na Feira do Libro de La Habana como país invitado e a reforma do Igaem para poñer en marcha a Axencia Galega de Industrias Culturais.

Sanidade creará 705 prazas de persoal no marco do Plan de Atención Primaria e Pesca marcouse como obxectivo consolidar as iniciativas postas en marcha ao longo da lexislatura, centrándose en accións que repercutan no benestar dos traballadores do mar e a conservación dos recursos. Para iso, sacará adiante a lei de Pesca e o Plan Acuícola e iniciará a aplicación dun novo instrumento financeiro: o Fondo Europeo de Pesca, para o que espera contar co sector.

Ambiente, emprego e vivenda
A Consellaría de Medio Ambiente terá que facer fronte a medidas para paliar as consecuencias da seca e garantir o abastecemento ás áreas máis afectadas, actuacións que se verán complementadas con obras estruturais previstas para os grandes núcleos. Ademais, aprobará o Plan Director de Ordenación de Espazos Naturais, co que aspira a contar cun instrumento de ordenación real das áreas incluídas na Rede Natura 2000. Ademais, na área ambiental, 2008 suporá a construción da totalidade das 20 depuradoras previstas para solucionar o saneamento nos principais núcleos de poboación e culminará a reordenación da xestión dos residuos, mediante un plan para fomentar a reciclaxe e a concienciación social ao respecto.

Pola súa banda, o departamento de Traballo porá en marcha a totalidade dos pactos territoriais de emprego, 15, tras os catro pilotos xa promovidos, e no primeiro semestre de ano prevé o trámite parlamentario da modificación do consello Galego de Relacións Laborais, un dos compromisos establecidos no marco do Diálogo Social.

Tamén aspira a culminar os decretos que garantirán o desenvolvemento pleno da lei de Traballo en Igualdade, así como o visto bo á norma de Participación Institucional, que regulamentara a participación de axentes sociais e empresariais na consellería. Aparte, para afondar na reforma do Servizo Público de Emprego, aumentará os itinerarios personalizados aos inscritos no paro, o servizo aos demandantes de emprego e a automatización das tarefas.

Por último, o gabinete de Vivenda aspira a aprobar a nova lei de Vivenda e a executar os 12 millóns de metros cadrados de chan industrial que ten en marcha, ademais de mellorar as normas de calidade cos axentes implicados na edificación e os concellos e impulsar a porcentaxe de vivenda protexida, unha vez aprobada a norma que permite aumentala ata o 40%.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: