Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MARÍA LÓPEZ SÁNDEZ, GAÑADORA DO RAMÓN PIÑEIRO DE ENSAIO

"A estética ten funcionado na historia como un elemento compensatorio"

A paisaxe é unha construción. A obra gañadora do premio de ensaio máis importante do país afonda nos seus mecanismos e no seu papel na construción da identidade nacional.

Redacción - 10:10 29/12/2007

Paisaxe e nación: A creación discursiva do territorio realiza unha análise do imaxinario social do nacionalismo e a súa relación coa paisaxe, entendida como espazo e como creación. María López Sández confesa levou unha sorpresa "aínda que nun premio, unha vez que te presentas sempre tes esperanzas", sobre todo porque o día que se anunciou o traballo gañador do Premio, tiña apagado o móbil: "cando o acendín empecei a recibir mensaxes de felicitación de xente que lera a nova en Vieiros".

A súa investigación basease nas interrelacións entre paisaxe e identidade nacional. A partir de que momento se produce?

Existe unha coincidencia temporal no nacemento de ambos conceptos, a paisaxe e a identidade nacional, no século XIX. Nacen á par, moi ligados ao Romanticismo, e condicionándose mutuamente.

Toda identidade é unha construción?
Claro, toda construción identitaria é un imaxinario social, e o mesmo pasa no proceso de construción da idea de Galicia, da identidade galega. Seguindo a semioloxía e seguindo a Barthes, partimos de que para un significado, neste caso Galicia, hai unha serie de elementos que se converten en significativos, toda unha serie de construcións convencionais que xeran unha ideoloxía.

Por que centrou a súa tese concretamente en Rosalía, Otero Pedrayo e Ferrín?
En principio tiña pensado traballar con Pondal, que ten un discurso ligado á paisaxe dunha maneira moi evidente. Pero fun á Rosalía, cuxo traballo é básico, é fundacional de case todos estes conceptos, sobre todo Cantares Gallegos, e sobre todo o seu prólogo. O que sucede moitas veces é que a importancia da obra de Rosalía está escurecida, seguramente por terse estendido por toda a sociedade e por pasar a ser considerados os seus conceptos algo natural. Rosalía reclamou as categorías de belo, de digno, para a paisaxe galega e para Galicia, enfrontándose á visión que até aquel momento despregara a literatura, véxase Góngora ou despois Juan Ramón Jiménez. A súa obra tivo unha capacidade instaurativa fundamental.

E os casos de Otero Pedrayo e Méndez Ferrín?
O caso de Otero Pedrayo é importante pola súa condición de xeógrafo, e por traballar xa cun imaxinario asentado, e por contrastar, ademais, o imaxinario galego co castelán en Arredor de si. Finalmente, o interesante de analizar a obra de Ferrín é a súa actualidade, e a forma en que introduce a paisaxe dun xeito menos inxenuo.

E na literatura actual, nos novos autores, como se trata a paisaxe?
Na literatura actual séguese ese camiño. Menos inxenuidade, máis intertextualidade, máis ironía, ás veces. Cando un concepto está asentado, abonda con que apareza para que teña un papel no discurso.

Hai similitudes entre o Romanticismo e a Postmodernidade?
Na postmodernidade existe unha tendencia aos discursos desmitificadores. E as identidades entran en crise, converténdose a un tempo o concepto de identidade nunha cuestión central. Esa deconstrución característica deste tempo pode poñerse ao servizo do discurso dominante, sobre todo se falamos de deconstrucións parciais. Unha deconstrución total si pode ser revolucionaria.

A estética non é inocente, logo
A estética ten funcionado en moitos momentos da historia como un elemento compensatorio. Iso vémolo no tratamento que se lle ten dado e se lle dá, á muller ou a oriente. E algo diso hai tamén nos discursos de louvanza a Galicia.

Pensa que o nacionalismo galego ten caído nalgún momento nesa trampa, na folclorización?

O imaxinario acolle moi ben esas contradicións. Antón Figueira ten analizado en profundidade o fenómeno da folclorización e dos seus problemas. Ás veces non abonda con ter unhas construcións conceptuais, senón que hai que activalas.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: