Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
TROCO HUMANITARIO

Kirchner viaxa a Colombia para garantir a vida dos reféns das FARC

O ex presidente arxentino e o ministro de Exteriores partiron este xoves cara á selva colombiana, no marco do operativo para a liberación de tres dos cativos en poder da guerrilla. Unha crónica de Débora Campos.

Débora Campos - 10:40 30/12/2007
Kirchner subindo ao avión, acompañado do ministro de Exteriores, Jorge Taiana

Kirchner subindo ao avión, acompañado do ministro de Exteriores, Jorge Taiana

O ex presidente da Arxentina Néstor Kirchner viaxaba este xoves pola tarde con destino a Caracas, co propósito de integrar a comisión que participará na selva colombiana do rescate de tres reféns das FARC, en tanto que a súa dona e presidenta do país austral, Cristina Fernández, eloxiou a "solidariedade" do seu home.

Kirchner partiu en compañía do ministro de Relacións Exteriores Jorge Taiana, e outros colaboradores, desde o sector militar do aeroporto doméstico da cidade de Bos Aires, ás 14.40 deste xoves, a bordo do avión Tango 01. Antes de subir ao avión, o ministro dixo que emprenden a misión "con moita expectativa e optimismo".

O ex presidente ten previsto participar no operativo de liberación de tres reféns que están en mans da guerrilla colombiana das FARC. Pola súa banda, a presidenta Cristina Fernández de Kirchner cualificou hoxe de "exercicio de cooperación e solidariedade" a acción que emprenderá Néstor Kirchner.

Exercicio de solidariedade
Ao participar dun acto nun casal de chabolas chamado La Cava, na periferia norte da capital arxentina, a Presidenta dixo que Kirchner "vai partir a Colombia, tamén nun exercicio de cooperación e solidariedade, con outro tipo de sufrimento, con outro tipo de dor".

En tanto, Taiana afirmou que cando cheguen pola noite a Caracas "seguramente teremos un encontro coas autoridades venezolanas, para ver os detalles e arranxos loxísticos, e as condicións climáticas" da zona. Nese sentido, Taiana dixo que, xunto ao ex presidente, viaxan "con todas as garantías que brinda a Cruz Vermella e o goberno de Colombia, e os que estiveron involucrados" no operativo.

Segundo está previsto, Kirchner e Taiana, xunto con funcionarios de Venezuela, Cuba, Bolivia, Francia e Ecuador partirán este venres de Caracas rumbo a Villavicencio, en Colombia, desde onde se dirixirán en helicóptero a un lugar da selva colombiana onde as FARC liberarán a Clara Rojas, o seu pequeno fillo Emmanuel e a ex congresista Consuelo González.

Recoñecemento a Chávez

Á súa vez, o xefe de Gabinete da Arxentina, Alberto Fernández, destacou o papel do presidente de Venezuela, Hugo Chávez, no deseño do operativo de liberación de tres reféns, e sostivo que a participación arxentina ten só "un sentido humanitario". Engadiu: "Chávez é o que está permitindo a liberación desta xente e traballou para iso".

Nese sentido, aseverou que a Chávez "hai que llo recoñecer, porque está permitindo que un grupo importante de xente inexplicabelmente secuestrada na selva colombiana volva recuperar a súa liberdade". Dixo que a participación arxentina "ten claramente un sentido humanitario" e aclarou: "Non estamos discutindo ningunha outra cousa que non sexa a posibilidade de que esta xente recupere a liberdade".

Maleta polémica
Por outra banda, Fernández foi consultado sobre se para o goberno existe relación entre o compromiso que Arxentina adoptou en favor da liberación dos reféns co caso do cidadán venezolano Guido Antonini Wilson (quen intentou ingresar no país unha maleta con 800 mil dólares), e a reacción do goberno de Estados Unidos. "Todos coñecen o interese que ten Estados Unidos no combate frontal, o Plan Colombia, á guerrilla colombiana e paréceme que é posible que todo iso teña algunha lóxica", contestou o xefe de Gabinete.

Neste sentido, lembrou que "cando vimos a actitude de EEUU no caso Antonini Wilson entendemos que era parte dunha reacción a unha serie de cousas: o Banco do Sur, a relación con Venezuela, o forte compromiso de Cristina en traballar para a liberación de Ingrid Betancourt e os demais reféns".

Sobre o papel que cumprirá Kirchner no operativo de rescate dos reféns, Alberto Fernández dixo que "a súa presenza garante a integridade física das persoas que son reféns e das afectadas á acción ou operativo do troco humanitario".


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: