Crónica de Iván Prado, director da caravana solidaria de Pallasos en Rebeldía, un ano máis en Chiapas.
Palenque é case unha prolongación da miña propia orografía emocional, punto de chegada e de partida. Cada volta que aparezo nesta cidade mestiza síntome máis apertado polos lazos mexicanos; xa non sei cando veño e cando vou a esta parte do mapa, xa recoñezo as redilas zapatistas ao lonxe, os choferes tocan o cláxon ao pasar xunto de nós…, e as autoridades que van ao centro político zapatista por estes rumbos saúdanme cando chego. É como volver á aldea.....Esa na que non naceches pero que irremediablemente (e para ben) acompaña os teus pasos o resto da túa vida.
Xa sei onde mercar as cousas máis complicadas e raras como madeiras para facer zancos, baterias de iate que duran máis sen recargar, parafina para malabares de lume.... ata sei onde tomar os mellores chilakiles a este lado do Baskhan. Parece mentira pero non deixo de ser un de Lugo, do barrio da Residencia, que soñaba con se bombeiro cando neno.
Nas comunidades que atravesamos de camiño do V caracol saen nenos a berrar Lokonuk, o nome polo que me coñecen e, mentres pasamos o control militar da nova estrada que están a construir para chegar ao corazón da revolta indíxena deste lares, o ukelele de Illanes acompaña unhas berronas voces que alegran a viaxe e aos compas a base de rancheiras versionadas e parazapatistas.
Chegamos ao caracol media hora antes do que eu lembraba. Esta nova extratexia militarista do goberno ten as súas vantaxes. A Junta recíbenos enseguida e o encontro é realmente amistoso, todo marcha sobre rodas. Temos xira polas comunidades e acordos de pleno para montar a compañía de pallasos zapatistas, documental sobre o mesmo incluido, así que xa só queda visitar o “abuelo” e darnos o baño de rigor no río que nos viu renacer ao neozapatismo. Chistes traballos, máis reunións... todo é inmensamente belo. Cansos pero alegres, facemos a cea e os preparativos para sairmos pola mañá ao centro de formación zapatista na zona Tila.
Pero antes temos que facer a doazón dos cartos do Festiclown, que trouxemos para as comunidades damnificadas polas inundacións de novembro e, mentras esribimos a carta de entrega, a Txeli emociónase toda. Dalgún xeito, o traballo que facemos durante todo o ano en Coperactiva Cultural acaba, concretado neste acto e neste intre de fraternal solidariedade entre pobos e xentes.
Poderíase dicir que o día foi perfecto, e sí dígoo, pero sobre todo pola aperta de irmáns que nos demos no mercado Cristo e máis eu. El é unhas das persoas que máis aprecio neste caracol, posiblemente a nosa chave dentro deste ata o de agora hermético mundo do zapatismo. El foi o primeiro en ver os beneficios de montar un grupo indíxena de pallasos e, desde aquela, contanos coa sua amizade.
A caravana parte e algo dentro de min me di que esta viaxe vai ser a mellor de todas. Coñecemos como “abuelo” a un baúl moi pesado no que vai todo o “atrezzo”. O nome vén dunha broma interna cos compas.