Os gobernos vasco, catalán e galego asinan este sábado en Bilbo, antes do partido Euskal Herria-Cataluña, un manifesto pola proxección mundial do seu deporte.
Unhas horas antes de que este sábado as seleccións de fútbol de Euskal Herria e de Cataluña se enfronten no estadio de San Mamés (Bilbo, Euskadi), os gobernos catalán, vasco e galego asinarán o primeiro documento conxunto a prol da oficialidade das súas seleccións para a proxección internacional do seu deporte .
O acto oficial contará coa presenza do vicepresidente do goberno catalán, Josep Lluís Carod-Rovira e da titular de Cultura do goberno vasco, Miren Azkarate, así como tamén, en representación de Galiza, a conselleira Ánxela Bugallo.
O manifesto, segundo informa o diario catalán Avui, salienta no seu punto número 4 as arelas das tres nacións para o seu recoñecemento deportivo pleno: "No marco da competencia exclusiva de promoción do Deporte van promover (Cataluña, Euskadi e Galiza) a participación dos clubs e federacións de seu ao máis alto nivel de competición e, se procede, a plena implicación das federacións propias nas federacións internacionais respectivas".
A colaboración entre as tres nacións tamén abrangue a cooperación para o fomento do deporte feminino, a promoción dos intercambios entre deportistas, clubs e federacións, o estabelecemento de futuros marcos competitivos entre os tres países, a mellora da formación deportiva, a promoción dos deportes tradicionais e a loita contra a dopaxe a todos os niveis.
Tres primeiras medidas
O Galeuscat deportivo, que se vai reunir dúas veces ao ano, ten previstas xa tres medidas concretas: Cataluña acepta a invitación de Euskadi para os Xogos Náuticos do Atlántico 2008, do que xa forma parte o noso país; Cataluña convida a Galiza á Rede de Países Deportivos, na que xa está integrada Euskadi; e as tres administracións fan público o seu interese por participar na segunda conferencia de Países Deportivos que se terá lugar en Cataluña en 2008.