Os dous artistas repetirán concerto conxunto o sábado no Café Carteles de Ferrol
Os festivais de música non só son para o verán. Así o demostran o Wintercase, a versión invernal de Paredes de Coura, o Primavera Club barcelonés... e tamén o Felipop, que tamén conta coa súa correspondente versión de nadal. Este ano trae a Limodre (Fene) a Magín Blanco e a Nick Garrie, que animarán (e non é broma) o frío Día dos Inocentes.
Magín Blanco, cunha longa experiencia na música, dende finais dos oitenta, está presentando o seu último disco, Realidad, o sexto da súa carreira. Pola súa banda, o británico Nick Garrie debutou en 1969 con The nightmare of JB Stanislas, un álbum que segue a ser considerado un dos traballos de referencia do pop psicodélico.
O concerto comezará ás dez e media da noite na Casa Ardá.