Até o mediodía do mércores 26 está aberto o concurso. Só por participar entras no sorteo de dous Macbook e catro Ipod.
Non paran de chegar propostas para un novo nome para a Selección Galega, e xa van preto de 400. Aínda estás a tempo de facer a túa ou votar pola que máis che gusta. O prazo para participar neste concurso que organiza Vieiros canda a Radio Galega e a Televisión de Galicia remata o mércores 26 ás 12 horas. Só por participar (propoñendo ou votando), entras nun sorteo de dous computadores Macbook e catro Ipod Touch. Ese mesmo mércores, ás 14 horas, daremos a coñecer na portada de Vieiros os nomes dos gañadores, que recibirán inmediatamente un correo electrónico coa nova.
Un grupo de xornalistas deportivos valorará todas as propostas e decidirán un outro nome para os nosos combinados. A decisión darase a coñecer o 27 de decembro en Balaídos, instantes antes do encontro Galiza-Camerún.
Polo de agora, Os Irmandiños (95 votos); Tropas de Breogán con 50; A Pataca Mecánica, con 20; O Grelo Mecánico, con 15; e Selección Bravú, con 14 apoios son os nomes favoritos dos lectores. E ti que pensas?
Consulta as bases, os premios e participa, xa falta pouco!