Despois de máis de dous séculos baixo monarcas, o Nepal convértese en república, froito do consenso entre os partidos políticos.
"Nepal será unha república federal democrática". Tal é a frase acordada polas formacións políticas do país asiático e sobre a que se emendará a Constitución despois das eleccións de abril de 2008. O propio rei Gyanendra acelerara o camiño á república cando hai tres anos destituiu o executivo e asumiu poderes absolutos, erosionando así de xeito irrecuperábel a gran popularidade coa que contaba.
Desbloquéase agora o proceso de paz aberto en 2006 e que conseguirá deste xeito o desarme da guerrilla maoísta que apostará en diante pola incorporación plena ao escenario político do país. A Constitución provisional acordada hai dous anos xa deixara sen funcións na práctica á monarquía. Agora chega o outro chanzo: Nepal será en 2008 unha república.