Un traballo de Manuel Ferreiro e Fernando López Acuña afonda no proceso de institucionalización d' Os Pinos e recolle os textos que tamén puideron converterse no himno galego
As nacións necesitan de símbolos, de elementos de identificación e de unión, e un dos máis importantes é, sen dúbida, o himno. O 20 de decembro de 1907, estreouse o Himno galego no Gran Teatro da Habana, nun acto solemne en homenaxe póstuma a Pascual Veiga e coa fin de recadar fondos para erixir un monumento á súa memoria en Mondoñedo. A música era do propio Veiga, o texto, Os Pinos de Pondal. Pero o himno de Galiza ben podería ser outro: entre 1880 e 1910 houbo moitas propostas de letra, e algunhas mesmo chegaron a tomarse en consideración. E por suposto, houbo outras partituras, e por exemplo a gañadora do certame convocado en 1890 na Coruña para poñerlle música a Os Pinos e convertela na marcha regional gallega non chegou a ser interpretada.
Un traballo de Manuel Ferreiro e Fernando López Acuña, O himno. Historia, texto e música, integrado no libro Os símbolos de Galicia (Consello da Cultura Galega) recolle algúns dos textos que tamén puideron converterse no himno galego. Desde os comezos do XIX contábase xa co chamado Himno da Guerra de Independencia ou Himno do Batallón de Literarios, composto na guerra contra os franceses de 1808. E, por exemplo, Marcial del Adalid compuxera varios himnos orquestrais, entre eles a Marcha triunfal Galicia (1881). É precisamente nesa década cando se comeza a buscar con máis insistencia unha canción patriótica que representase a Galiza, habida conta de que nas décadas anteriores case todas as nacións europeas instituíran os seus himnos nacionais (Dinamarca en 1840, Bélxica en 1845, Italia en 1846, Austria en 1847, Grecia en 1864 ou Noruega en 1864), e que outras, como Portugal ou Cataluña faríano antes de rematar o século.
Outros himnos para Galiza
Con motivo da Exposición Rexional celebrada en Pontevedra en 1880 pola Sociedad de Juegos Florales foi convocado un premio para un "Himno á Galicia en dialecto del país". O gañador, composto por Andrés Muruais, dicía:
Hirmans, con entusiasmo
Cantemos a Galicia,
Pra nós outra delicia
Com' ela xa non hay;
E mali' ô fillo ingrato
Que como nós non queira
A terra feiticeira
Qu' é nosa doce nai.
Tamén de 1880 é a letra do Himno a Galicia do padronés Manuel Barros, emigrante na Habana e en Bos Aires:
Erte é escoita, Galicia adorada,
d'os teus fillos o doce cantar.
Erte é escoita, que bril' a alborada
d'o gran dia que n' ha de pasar.
Longos siglos chorando te viron
sentadiña n'a veira d'o mar.
E as ondiñas mil veces ch' oiron
libertá, libertá sospirar.
En 1886 aparece un novo Himno Gallego de Armada Teixeiro, dado a coñecer na Habana, nas páxinas da revista A Gaita Gallega:
Mil coroas fagamos a eito
Co'as cadeas que cinguen â Erin;
Y-en trofeo levemoas â foxa
De Velasco, de Cela e Solís.
Groria! ôs nobres fidalgos d'a terra
Que defendan d'o pobo a vertú;
¡Hurra! ôs suevos qu' a patria rediman;
Ós enxebres petrucios ¡Salú!
En 1893 Galo Salinas compuxo na Coruña o poema ¡Galicia! Hino Popular Rexional, que dicía:
¡Ouh, Galicia! erguida tua testa
E da groria por vredas de honor
Conquerindo loureiros que a cingan
Xunta as filas da soeva rexión.
Pouco antes de rematar o século tamén Manuel Lugrís Freire compuxo un himno, titulado ADIANTE! (Himno á Galicia):
Unha nai solo deunos a vida,
E nos espazos hai solo un sol;
Solo unha terra, sempre quirida,
Por patria nosa donounos Dios.
Nobre Galicia, terra sagrada,
Dos fortes celtas amante nai,
Recibe a ofrenda pra ti donada
Ô santo grito de libertá.
E igualmente neses anos Carre Aldao escribiu un Himno á Galicia:
Fortes gallegos: o voso aceiro
xa mais non folgue, brile no ar,
e sea o voso canto guerreiro
¡A loitar, e morrer ou trunfar!
Ferreiro e López Acuña explican que "tantas eran as propostas, que a ‘Unión Redencionista' da Habana, presidida por Fontenla editou en 1911 un cancioneiro patriótico" que recollía varios destes himnos posíbeis, co obxectivo, dicían "de levantar el decaído espíritu de nuestros paisanos y animarles á conseguir la reivindicación de sus derechos ultrajados".
O himno de Acción Gallega ou o 'Compañeiro Daniel' de Darío Xohán Cabana e Suso Vaamonde
Mesmo despois de que o himno de Pondal e Pascual Veiga se estrease, houbo outras propostas, algunhas certamente populares. Por exemplo en 1911 Luís Taibo García compuxo unha partitura sobre un poema de Alfredo Brañas, que tivo gran difusión a partir da súa aparición, "talvez pola personalidade do poeta e intelectual galeguista, polo carácter reivindicativo do texto e tamén, se cadra, por máis adiante se converter en himno oficial das Mocedades Galeguistas", explican Ferreiro e López Acuña:
Cantai, galegos,
o hino xigante
dos pobos libres,
dos pobos grandes;
cantai, galegos,
a idea santa
da independenza
Outro dos himnos posíbeis para Galiza foi de Acción Gallega, composto por Ramón Cabanillas e empregado polas organizacións agraristas nas primeiras décadas do século XX. Vida Gallega afirmaba en 1915 que o himno pondaliano ten un 'competidor' no de Acción Gallega, que "responde á un estado espiritual de intensa exaltación: es un canto de rebelión y guerra, tal vez excesivamente apasionado. Las dos músicas y las dos letrillas podrán vivir sin estorbarse resonando según las necesidades del sentir gallego".
¡Hirmáns! ¡Hirmáns gallegos!
¡Dende Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!
Que vexa a Vila podre,
coveira da canalla,
a Aldea que traballa
disposta pra loitar.
Antes que ser escravos,
¡hirmáns, hirmáns gallegos!
que corra a sangre a regos
dend-a montana ó mar.
Finalmente, non se pode esquecer a denominada Marcha do Antigo Reino de Galiza, citada na disposición adicional cuarta da Lei de Símbolos de 1984. E tamén hai quen reivindica unha consideración de himno nacional oficioso para o poema de Darío Xohán Cabana Alfonso D. Rodríguez Castelao, cantado por Suso Vaamonde en 1977, que se pecha co coñecido retrouso de prometémosche a terra dunha Galicia ceibe/ pra enterra- los teus ósos onde teñen que estar.