O BNG considera que o Instituto de Artes Escénicas e Musicais, dependente do Ministerio de Cultura, "discrimina" o país.
Francisco Jorquera, senador do BNG en Madrid, presentou unha iniciativa para que o Instituto de Artes Escénicas e Musicais (INAEM), "non siga discriminando" aos axentes teatrais galegos.
Na súa última convocatoria, o organismo dependente do Ministerio español de Cultura achegou a Galiza só o 1% dos 10,7 millóns de euros destinados a axudas e apoiar a produción de danza, teatro e circo en todo o Estado.
Segundo detalla Jorquera, do total "aos axentes teatrais galegos apenas lles foron concedidos 150.000 euros". "Esta cifra evidencia a marxinación das compañías teatrais galegas por un organismo público que debería seguir uns criterios obxectivos na repartición de axudas", afirma.
Repartimento por poboación
O "lóxico e obxectivo" para o BNG sería o repartimento segundo o número de poboación. Xa que logo, Galiza debería recibir na última convocatoria 700.000 euros, segundo os cálculos dos nacionalistas.
Esta mesma "discriminación" repítese no caso dos festivais de ópera. Tal é o caso dos festivais Mózart e de Ópera da Coruña, que "foron claramente marxinados polo INAEM", di Jorquera.