Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
ENTRE OS LIBERADOS ESTÁ A CANDIDATA Á VICEPRESIDENCIA DE COLOMBIA

As Farc- EP anuncian liberación de tres retidos en recoñecemento polo labor do presidente Chávez

As Fuerzas Armadas Revolucionarias de Colombia - Ejército del Pueblo (Farc-Ep) anunciaron a liberación de Clara Rojas, o seu fillo Enmanuel e Consuelo González, quen serían entregados ao presidente venezuelano, Hugo Chávez, ou a quen el decida. Clara Rojas, formaba parte do partido de Ingrid Betancourt e ía na súa candidatura á presidencia de Colombia como vicepresidenta. Foi secuestrada xunto con ela en 2002 mentres se dirixían en campaña electoral cara a San Vicente del Caguán en plena ruptura do proceso de paz co goberno de Andrés Pastrana. O seu fillo Emmanuel, de tres anos, naceu en cativerio. Outra das liberadas é a ex congresista colombiana, Consuelo González, secuestrada en 2001 cando viaxaba no seu automóbil entre Pitalito e Neiva.

Xurxo Martínez Crespo - 10:27 19/12/2007

Nun comunicado dado a coñecer pola axencia de noticias cubana, Prensa Latina, o grupo insurxente colombiano Farc-Ep considera a liberación coma un xesto de desagravio aos familiares dos retidos, ao presidente venezuelano Hugo Chávez e á senadora colombiana Piedad Córdoba, cuxa xestión polo intercambio humanitario foi cancelada polo goberno colombiano.

Segundo o texto, asinado polo Secretariado das Farc-Ep, "a orde para liberalos en Colombia xa foi dada".

No comunicado de sete puntos, as Fuerzas Armadas Revolucionarias de Colombia- Ejército del Pueblo, insisten no despexe militar dos municipios de Florida e Pradera por 45 días para concretar un acordo humanitario, e ratifican a decisión por realizalo e avanzar na solución política do conflito armado.

Consideran improvisada e inaceptábel a proposta dunha zona de encontro para dialogar con "o mentireiro comisionado Restrepo, en inhóspitos, remotos e clandestinos lugares, con prazo de 30 días".

Mentres -advirten as Farc-Ep- Restrepo ameaza con máis operativos, ratifica a súa orde de resgate militar e ofrece dólares aos guerrilleiros para que traizoen os seus ideais.

Agradecen ao presidente Chávez a súa dedicación, o colosal esforzo como facilitador, a boa fe, a súa solidariedade coa causa pacífica do pobo colombiano e o tempo investido a pesares das súas grandes responsabilidades.

A organización insurxente considera que "a anulación da xestión facilitadora foi un acto de barbarie diplomática contra o lexítimo xefe dun Estado irmán e contra o pobo venezuelano, solidarios coa solicitude feita desde Bogotá".

Isto foi tamén un portazo na cara ao presidente Nicolás Sarkozy, aos mandatarios latinoamericanos solidarios coa tarefa facilitadora e "aos familiares dos prisioneiros de guerra das dúas partes que presentían máis cerca o final das súas angustias", indicaron as Farc-Ep.

Comunicado das Farc-Ep:

1. Álvaro Uribe fracasou no seu intento por manipular ao presidente Chávez e á senadora Piedad Córdoba. De novo mostrou o seu verdadeiro rostro como inimigo do acordo humanitario e da paz concertada.

2. A indignante anulación da xestión facilitadora foi un acto de barbarie diplomática contra o lexítimo xefe dun Estado irmán e contra o pobo venezuelano, solidarios coa solicitude feita desde Bogotá. Con ese vergoñoso portazo sentou un pésimo precedente, pois tamén o recibiron o presidente Sarkozy, os presidentes latinoamericanos solidarios coa tarefa facilitadora, outros gobernos sempre dilixentes para asuntos humanitarios, o movemento de países non aliñados, os pobos de Francia, Estados Unidos, Latinoamérica enteira e, especialmente, os esperanzados familiares dos prisioneiros de guerra das dúas partes que presentían máis perto a fin das súas angustias.

3. Este goberno que se refire ás Farc-Ep coma se estivese gañando a guerra, con fantásticos discursos dirixidos ás elites empresariais do mundo, non engana aos 30 millóns de colombianos pobres nin ás pauperizadas capas medias vítimas da diaria violencia económica, social e militar do Estado. Moito menos puido ocultarlle ao mundo co mendaz comunicado que cancelou a facilitación, a intensa confrontación armada de profundas raíces político - sociais que vive Colombia, nin a ilexitimidade do réxime cuxo presidente e boa parte dos seus deputados, alcaldes e gobernadores foron elixidos grazas á directa xestión política, financeira e armada do terrorismo narco paramilitar.

4. Acovardado para negar con franqueza calquera posibilidade de acordos humanitarios, confundido para precisar se as Farc-Ep son terroristas ou unha forza política-militar, belixerante, coa que está disposto a dialogar e chegar a acordos, o presidente Uribe sen ningunha seriedade, cambia radicalmente as súas opinións cada fin de semana e improvisa inaceptábeis propostas como a actual para que realicemos diálogos co mentireiro comisionado Restrepo, en inhóspitos, remotos e clandestinos lugares, con prazo de 30 días, mentres que nos enche de improperios, ameaza con máis operativos, ratifica a súa orde de resgate militar e ofrece dólares aos combatentes das Farc-Ep para que traizoen os seus ideais. Definitivamente a este goberno fáltalle realismo e grandeza para falar coa insurxencia fariana.

5. Reafirmamos a necesidade de despexar Florida e Pradera por 45 días para concretar un acordo humanitario, mantemos a nosa decisión por realizalo e por avanzar na solución política do conflito social e armado como resultado dun proceso rodeado de plenas garantías por parte do Estado, procurando non a recomposición do actual réxime paramilitarizado, corrupto e axeonllado ante o imperio, senón a construción dun novo, transparente, verdadeiramente democrático e soberano como o expomos no manifesto fariano e na plataforma bolivariana.

6. Agradecemos ao presidente Hugo Chávez a súa dedicación, colosal esforzo como facilitador, incuestionábel boa fe nesta xornada humanitaria, a súa solidariedade coa causa pacífica do noso pobo e o tempo investido malia as súas grandes responsabilidades como primeiro mandatario da irmá República Bolivariana de Venezuela. A historia renderalle o merecido recoñecemento á súa xestión humanitaria.

7. Ante a infamia uribista e como desagravio ao presidente Chávez, á senadora Piedad Córdoba e aos familiares dos prisioneiros, aceptamos o seu chamado a liberar á doutora Clara Rojas, ao seu pequeno Emmanuel e á doutora Consuelo Gonzáles de Perdomo como mostra incuestionábel da esperanza que depositaramos no seu papel facilitador. Elas e Emmanuel deberán ser recibidas polo presidente Chávez ou por quen el designe, en circunstancias tales que se evite baixezas uribistas como as acontecidas coas 'probas de vida'. A orde para liberalas en Colombia, xa foi impartida.

Secretariado do Estado Maior Central.

FARC - EP

Decembro 9 do 2007.


3,4/5 (5 votos)