O primeiro ministro belga, Guy Verhofstadt, comunicou o pacto para un goberno interino ao que terían chegado liberais e centristas francófonos e flamencos.
Abriríase en Bélxica unha pequena tregua no enfrontamento de partidos flamencos e francófonos por mor da reforma de Estado e o avance na incorporación de novos poderes ao que aspira Flandres. Despois de seis meses co país paralizado no medio dunha lea á que se lle vía complicado final, o primeiro ministro saínte, o liberal flamenco Guy Verhofstadt, parece ir liderar un goberno temporal que adíe a crise.
A interinidade do novo executivo implicará que atenda como prioridade ao deseño duns orzamentos para 2008 o mellor consensuados posíbel. De xeito paralelo, o goberno de Verhofstadt deberá iniciar as negociacións cara ao desafío da reforma do modelo de Estado. O gabinete provisional sería aprobado polo Parlamento de forma urxentes antes do Nadal. Inicialmente, vano integrar cinco partidos: os democristiáns flamencos e francófonos, respectivamente CDV e CDH, os liberais flamencos de Verhofstadt, VLD, os liberais francófnos do MR, e os socialistas francófonos.