Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
NA PROCURA DOS VOTOS

"Se son presidente buscarei a mellor das relacións con Arxentina"

Na súa visita a Bos Aires, o candidato presidencial do PP, Mariano Rajoy, sinalou que en caso de chegar á presidencia o vínculo con Iberoamérica será unha prioridade "central" da súa política exterior. E prometeu máis dereitos para os descendentes de españois.

Redacción - 13:30 18/12/2007

O líder do Partido Popular (PP) e candidato á presidencia española, Mariano Rajoy, sostivo en Bos Aires que está favor dunha reforma do Código Civil para dar máis beneficios aos descendentes de españois no estranxeiro."Estou a favor de darlle as máximas facilidades a todos os fillos e descendentes de españois, e de ter os datos enriba da mesa, facendo un pacto estatal sobre este asunto, escoitando a todos os sectores, e que inclúa unha reforma do código civil", explicou o dirixente conservador.

Memoria e reconciliación
Nunha conferencia realizada nunha praza á volta do Hotel Alvear de Bos Aires, aloxamento onde inicialmente estaba citada a prensa, explicou que o seu partido non apoiou a lei de Memoria Histórica, que lle dá o beneficio da nacionalidade aos descendentes directos de españois nacionalizados, porque "a Constitución de 1978 foi a lei memoria e de reconciliación". Neste sentido, Rajoy agregou que o seu partido non votou en contra "por algún punto concreto", pero cualificou de "discriminatorio" o artigo que especifica que só os descendentes de exiliados poden obter a cidadanía española. Con respecto á súa proposta de reforma do Código Civil, en contraste coa lei, o candidato opositor indicou que desa forma quere evitar "pór parches" ao tema dos descendentes no estranxeiro.

Silencio sobre Chavez
Ademáis, a pesar do recente conflito diplomático entre o rei Juan Carlos e o presidente venezolano Hugo Chávez, Rajoy asegurou que "España ten unhas extraordinarias relacións con Arxentina e Iberoamérica", e que ten "a intención de, cando chegue ao goberno, manter as mellores relacións posibles"."Europa está mirando cara á parte do leste de Europa. Para nós, Latinoamérica é capital (...) e dámoslle suma importancia a esta relación", manifestou o líder conservador. Neste sentido, Rajoy sostivo que "é prioridade defender os valores e os principios que temos en común para non perder relevancia no mundo".Logo, Rajoy visitou á presidenta Cristina Fernández de Kirchner e sinalou na casa de Goberno que en caso de chegar á presidencia o vínculo con Iberoamérica será unha prioridade "central" da súa política exterior.

Os intereses arxentinos

O candidato do PP realizou unha xira por Arxentina e Uruguai coa intención de captar os potenciais 300 mil votos de cidadáns españois radicados no Río da Prata e que poderían achegalo ao candidato oficial, o actual presidente José Luís Rodríguez Zapatero, líder nas enquisas por apenas 3 puntos."Se son presidente buscarei a mellor das relacións con Arxentina pola infinidade de razóns que nos unen a este país" definiu Rajoy e comentou que Cristina demostrou unha gran vocación para "defender os intereses arxentinos".


1/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: