O escritor chairego Domingo Docampo será homenaxeado.
O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá entre o 27 de xaneiro e o 2 de febreiro o Salón do Libro Infantil e Xuvenil máis mariñeiro da historia, pois o mar será o fío condutor e protagonista da meirande parte das actividades que se organicen. Tamén serán protagonistas Cuba e as letras cubanas, en correspondencia coa invitación cursada pola Feira do Libro da Habana para que Galiza sexa o país convidado na edición de 2008, que se celebrará a finais de febreiro, unha vez finalice a de Pontevedra.
Seguindo coa simboloxía marítima, o cartaz da novena edición presentará un submarino amarelo obra da ilustradora Marta Álvarez. Na edición do Salón do Libro celebrada en febreiro de 2007 vinte mil persoas, dos que máis de nove mil eran escolares, visitaron este salón dedicado á lectura.