Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
FINANCIADO POR INNOVACIÓN E INDUSTRIA

Tecnocom desenvolve o primeiro sintetizador de voz na nosa lingua

O proxecto da compañía poderase integrar en sistemas de recoñecemento e síntese de voz.

Redacción - 17:32 11/12/2007

O primeiro sintetizador de voz en galego, que está a desenvolver a compañía Tecnocom, vai contar co financiamento da Consellería de Innovación e Industria. A aplicación permitirá realizar consultas coa fala, escoitar correos electrónicos ou facer ditados a procesadores de texto na nosa lingua.

A axuda será de 117.500 euros, a través do programa de axudas para a Sociedade da Información da Dirección Xeral de I+D+i. O obxectivo de Tecnocom é crear unha ferramenta aberta para que se poida integrar en sistemas de recoñecemento de fala e de conversión de texto en voz en calquera outra plataforma tecnolóxica estándar.

Tamén se propón obter unha plataforma fiábel, robusta e escalábel para abrirlle novas portas á lingua, seguindo as liñas estratéxicas do Plan Galego de I+D+i. O proxecto ten que desenvolver unha nova voz adaptada aos requisitos particulares do galego e sistemas para a súa interpretación. O sintetizador poderase empregar en diferentes dispositivos: ordenadores, teléfonos e PDA a través de contestadores automáticos, sistemas de resposta oral, aplicacións para persoas con discapacidade ou en ferramentas multimedia.

A Administración poderá empregalo en portais como os servizos de recepción de chamadas de emerxencia, de Protección Civil, de atención ao cidadán, de información do tráfico ou de calquera outro que requira atención telefónica automatizada. Para acadalo, o recoñecedor en galego empregará a tecnoloxía do fabricante Loquendo, especializada en linguas romances.

No proxecto colaboran as universidades de Santiago de Compostela e de Vigo. O Instituto da Lingua Galega da USC achega un grupo de fonetistas, mentres que as dúas universidades colaboran co corpus vocal da lingua galega. Tamén axudan un estudo profesional de gravación do Clúster Audiovisual Galego e un grupo de locutores profesionais que poñerán as súas voces.


4,38/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: