O goberno da illa pretende realizar un referendo en marzo para que a cidadanía decida sobre este asunto, ignorando as advertencias de Washington e Pequín.
Raymond Burghardt, 'embaixador' de EUA en Taiwán, este martes
O goberno de Estados Unidos volveu criticar este martes o plan do Executivo taiwanés de consultarlle á cidadanía sobre unha hipotética entrada da illa, actualmente baixo a soberanía da China, na ONU.
A intención do goberno de Taiwán, un dos principais aliados de EUA na zona, é presentar a consulta en marzo de 2008, coincidindo coas eleccións presidenciais, e ignorando as advertencias de Washington e de Pequín.
"O simple proceso de realizar un referendo complicaría aínda máis as relacións conxuntas a través do Estreito de Taiwán (que separa a illa de China)", afirmou Raymond Burghardt, presidente do American Institute, institución como unha embaixada estadounidense de facto.
Conflito histórico
China reclama a soberanía sobre Taiwán dende 1949, ano en que se dividiu en dúas: República Popular (continental, Hong Kong e Macau) e a República de China (Taiwán e outras illas). Pequín ameaza dende entón con usar a forza se a illa se declara formalmente un Estado independente.
En 1979, sendo Jimmy Carter presidente, Washington mudou o seu parecer sobre o status diplomático de Taipei, recoñecendo "unha única China", mais a Taiwan Relations Act lle obriga a axudar á illa na súa defensa. Uns 25 países recoñecen a independencia de Taiwán, fronte a 170 que non o fan.