O humorista foi o gañador do concurso de TVE El rey de la comedia.
Un carballés, Roberto Fernández, máis coñecido como Rober Bodegas, converteuse no rei da comedia do Estado a pasada fin de semana. O cómico, de 25 anos, que xa leva un tempo contando historias por diversas salas do país, conseguiu que a súa retranca se impuxese nunha competición tradicionalmente dominada polos andaluces, no concurso El rey de la comedia de Televisión Española.
-Cando comezou a facer monólogos?
-Comecei nun concurso no Pub D'Antón da Laracha hai uns anos e seguín participando até que me chamaron de bares, salas... e xa levo dous anos e medio nese circuíto.
-E contaba con gañar este concurso?
-Cando me presentei, non contaba con gañar. Dábame cun canto nos dentes con quedar seleccionado.
-Cal cre que foi o factor decisivo á hora de gañar?
-Penso que sorprendeu o meu estilo, porque quizais non son o máis enxeñoso, pero aplícolle o enxeño ás cousas cotiás de cada día: coller un bus ou tomar un iogur e un donut. É un estilo moi irónico. Gustou porque ademais había moita xente do sur, e o meu era diferente.
-Existe o humor galego?
-Non creo que haxa un humor galego. Existe a retranca, que igual temos máis dela, pero se te paras a pensar en cómicos galegos, os que hai non teñen un patrón común: Luís Piedrahita, Os Tonechos, Quico Cadaval... non teñen nada que ver. Si é certo que usamos a retranca, pero é máis ben algo propio do noso carácter.
-Dixo antes que había moita xente do sur. Había maioría de humoristas andaluces? Como foi a relación co resto dos concursantes?
-De 20 finalistas, 8 eran andaluces. A relación con todos foi excelente, sen problemas. Supoño que, como non houbo convivencia, como noutros programas, evitáronse conflitos.
-Despois de gañar o premio, vai seguir actuando como até agora?
-O premio é ter un ano de continuidade profesional con TVE. Vou seguir andando de sala en sala, porque tampouco sei como vai ser a miña participación nin en que programas. Non vou ter que quedar en Madrid, nun principio. Agora estou aproveitando a proxección que conseguín.
-En que lle vai influír ter gañado?
-En canto a ser gañador, non vai ter máis efecto que ser finalista. Trátase de que a xente me vise, e agora xa me coñece e comeza a contar comigo. Foi unha excelente plataforma para me dar a coñecer fóra de Galiza, pero tería sido igual se quedase finalista.
-Está a actuar xa polo resto do Estado?
-Xa o ano pasado fixen tres minixiras polo norte de España e agora, si, están saíndo máis minixiras. Estiven hai uns días en Elxe e en xaneiro estarei catro días seguidos en Barcelona.