Felipe Rivero de Aguilar recibiu unha chamada de Hollywood para que retirase as imaxes. A súa conta en Flickr quedou cancelada.
O responsábel do blog sobre cinema de terror, ciencia ficción e fantástico Uruloki, o compostelán Felipe Rivero de Aguilar, recibiu unha inesperada chamada dende California. Michael Bentkover, representante da Warner Bros, pediulle que retirase da súa bitácora dúas imaxes que incluíra en exclusiva do novo filme de Batman, por violación de dereitos de autor.
Rivero retirou as imaxes, aloxadas nunha conta de Flickr, servizo de almacenamento de fotografías de Yahoo, pero, ao pouco tempo, a súa conta foi anulada. Warner puxérase en contacto previamente con Yahoo para avisar a compañía da infracción do copyright. Xa non é a primeira vez que uns estudios cinematográficos lle retiran imaxes a Uruloki, aínda que até agora nunca lle borraran a conta enteira.
De todos os xeitos, Felipe pregúntase que sentido ten para esas compañías retirar imaxes que lles fan publicidade, e mais se se ten en conta que teñen insertado anuncios no seu blog cos mesmos deseños.