A cantante islandesa anima a protexer a lingua e crear unha bandeira propia para as Illas Feroe e Groenlandia
Declare Independence!, é o novo berro de guerra da a islandesa Björk, que disco tras disco non deixa de sorprendernos. Coa publicación do seu último álbum, que ela mesma produce, a cantante esperta o seu carácter máis político e reivindicativo para reclamar a independencia das Illas Feroe e de Groenlandia do Reino Dinamarqués.
Este luns 10 sae á rúa o terceiro single do álbum Volta, que baixo o título Declare Independence, exhorta aos habitantes das Illas Feroe e de Groenlandia a protexer a súa lingua, crear o seu propio selo e a súa propia bandeira, e a “abrir os ollos” para condenar o colonialismo: "declara a independencia/ non deixes que che fagan iso (...) emprega a túa propia moeda/ crea os teus propios selos/ protexe a túa lingua (...) crea a túa propia bandeira/ ergue a túa bandeira/ máis alto, máis alto (...) Malditos colonialistas/ ignora o seu dominio / arríncalles a venda que os cega/ abre os seus ollos (...) Cunha bandeira e unha trompeta/ sube á montaña máis alta/ e ondea a túa bandeira".
O videoclip foi realizado polo director Michael Gondry, responsábel de filmes como A ciencia do soño ou Esquécete de min, e que volve a traballar coa escandinava dez anos despois de facerlle o seu clip Bachelorette.
Aquí podes ver o videoclip: