Un pleno extraordinario recuperará no Parlamento o debate sobre a Cidade da Cultura o próximo 27 de decembro.
As "irregularidades" na xestión do proxecto até o cambio de goberno en 2005 estarán necesariamente no informe de conclusións da comisión de investigación que se desenvolveu no Parlamento as últimas semanas. Así o subliñan socialistas e nacionalistas, indicando que de ningún xeito serán "cómplices" do acontecido neses anos. Por este motivo, chaman aos populares a facer unha "autocrítica severa" dese treito.
Esa interpretación é á vez a principal cancela para que poida saír da comisión un texto conxunto coa beizón dos tres grupos parlamentarios. Desde o PPdeG rexeitan calquera tipo de "responsabilidade penal" e insisten en analizar que o informe do Consello de Contas non compromete a ningún membro do partido. Con todo, o PPdeG insistiría en que se estabeleza un consenso básico en favor do impulso ao Gaiás, pero sempre vencellado a que o goberno español se comprometa de xeito concreto coa iniciativa como "proxecto de Estado".