Porén, esta cuarta feira dixo que descoñecía até a semana pasada que Teherán suspendera o seu programa nuclear, tal e como desvelou un informe interno.
O presidente do goberno de EUA, George Bush, foi informado en agosto que Irán suspendera o seu programa nuclear, segundo confirmaron fontes da Casa Branca que recolle Reuters. Porén, esta mesma cuarta feira, o dirixente estadounidense afirmaba que non tivera coñecemento desta situación até a semana pasada.
O pasado luns, a intelixencia do país norteamericano difundiu un informe recoñecendo que o goberno de Teherán parara o seu programa de armas nucleares en outono de 2003.
Durante meses, George Bush sinalou o país persa como unha ameaza para a comunidade internacional (a última vez, este martes), e o pasado mes de outubro alertou de que podería haber unha III Guerra Mundial se Irán continuaba a buscar a bomba atómica.