Cantos na Maré comezou en 2003 sendo un simple pero fermoso concerto. Pouco a pouco foi enriquecendo os seus contidos e facéndose máis ambicioso. Este ano a gran cita é o sábado 15, ás nove da noite no Pazo da Cultura de Pontevedra. Ese día actuarán Paulo Flores (Angola), Mercedes Peón (Galiza), Ceumar (Brasil), Nancy Vieira (Cabo Verde), JP Simoes (Portugal) e Uxía (Galiza). Pero a partir do mércores 12 Pontevedra será escenario de continuas actividades ao redor do festival.
Entre o 12 e o 15 haberá proxeccións de documentais ao redor da música lusófona na Casa das Campás (rúa Don Filiberto, s/n, ao lado do Teatro Principal), con entrada de balde. Entre outros, poderán verse
Quintal do Semba (Angola),
Só concertinas ou
Lusofonía, a (r)evolução.
O venres 14, no mesmo lugar, terá lugar
Cantos na Maré, Rede, un encontro de profesionais na procura dunha rede de intercambio cultural entre os territorios da lusofonía. O encontro estrutúrase como espazo aberto de reflexión e debate (formato talk-show) entre axentes culturais internacionais, xornalistas e xeradores de opinión.
Finalmente, os días 13 e 14
Cantos na Maré Encontro permitirá que os músicos participantes no festival entren en contacto e dialoguen con estudantes e universitarios, un momento de encontro coa música dun xeito real, interactivo e dinámico. O fin desta acción é conectar o evento coa poboación a través da interacción directa, e así pór en valor o espectáculo ao tempo que se espalla a cultura musical.
Catro anos de CantosPor
Cantos pasaron nestes catro anos algúns dos artistas máis importantes de Brasil, Portugal e a África lusófona, como Batuko Tabanka, Chico César, Filipa Pais, João Afonso, María João e Mário Laginha, Ana Firmino, Alberto Mvundi ou Dulce Pontes. E unha brillante representación galega encabezada por Uxía, presente en todas edicións, Narf, Ugia Pedreira ou Guadi Galego.