Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Compostela contra Boloña

A Asemblea Xeral de Estudantes maniféstase contra a privatización da USC

Convocaron unha manifestación que percorreu as rúas da zona vella Compostela, contra a privatización da universidade e a súa introdución no sistema europeo.

Redacción - 14:37 04/12/2007

A Asemblea Xeral de Estudantes da USC convocou para esta terza feira 4 de decembro unha mobilización contra o Plano de Boloña e a privatización do ensino público. Partindo ao mediodía da Praza de Cervantes baixo o lema "Boloña é a nosa ruína", os manifestantes percorreron parte da zona vella até chegar ao Reitorado, escoltados por varios antidisturbios, onde chamaron polo reitor, Senén Barro, ao que acusan de ser a man que introduce as empresas na universidade.

"Boloña é a nosa ruína!"
Nun seu comunicado, os estudantes sinalaban os puntos máis escuros de Boloña: a introdución do capital privado nas universidades (control por parte da banca e das empresas privadas, ao tempo que diminúe o gasto público nelas); a elitización do estudantado (a través da eliminación de antigas lexislaturas e a súa substitución por graos e posgraos, que non todo o mundo pode pagar e que terminan por ser determinantes, segundo os estudantes, para o acceso a un posto de traballo digno); a creación das bolsas de empréstito (mecanismos de empréstitos-renda, que traen consigo un compromiso de pagamento futuro, isto é, que deben ser devolvidos polos mozos que se hipotecan para acceder a estudos de posgrao); a elitización das universidades, que competirán no terreo europeo polo capital económico (o ensino convértese nunha mercadoría, que ten seus clientes nas empresas e nos estudantes); os créditos ECTS, homologados para o espazo europeo (para a asemblea, isto significa pasar a ser considerados como traballadores, xa que se toma como base para elaborar os horarios as xornadas laborais de 40 horas semanais estabelecidas e cronometradas polos ECTS); a homoxeneización dos pobos, o chanzo ultimo da globalización, tamén na universidade (aos estudantes preocúpalles a supervivencia da diversidade cultural, xa que entrar nun ensino único europeo significa eliminar os trazos diferenciais dos pobos de Europa, polo que o ensino en galego podería chegar a ser ollado como non rendíbel polas empresas).

Esta manifestación uniuse a varios actos que se desenvolveron todo este outono nas tres universidades galegas (folgas, concentracións, magostos reivindicativos, etc).


4,45/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Momento no que a manifestación chegaba ás portas do reitorado, na Praza do Obradoiro
Momento no que a manifestación chegaba ás portas do reitorado, na Praza do Obradoiro
Durante toda a manifestación os estudantes foron seguidos por varios antidisturbios
Durante toda a manifestación os estudantes foron seguidos por varios antidisturbios
Outro momento, fronte á sede do reitorado, no Pazo de San Xerome
Outro momento, fronte á sede do reitorado, no Pazo de San Xerome