O triatleta foi dobremente premiado nunha gala que se desenvolveu o venres na Coruña.
Gómez Noya, con Marta Souto e Ánxela Bugallo
O deportista ferrolán Xabier Gómez Noya recolleu o venres á noite o premio nacional do deporte galego 2006/2007, nunha gala que se desenvolveu no teatro Rosalía de Castro da Coruña. Dende esta edición, recoñécense as mellores traxectorias do deporte do país por temporada, e non por ano natural.
Na gala, organizada pola Consellaría de Cultura e Deporte, entregáronse catorce premios. Gómez Noya foi recoñecido dobremente, pois, ademais do premio nacional, recibiu o galardón ao mellor deportista do país na pasada tempada.
Susana Rodríguez Gacio mereceu o premio á mellor deportista con discapacidade, mentres que o Club Piragüismo As Torres de Catoira Romaría Viquinga recibiu a distinción ao mellor equipo. María Teresa Martínez Cancelo foi valorada como a mellor xuíza, mentres que Arturo Abruñedo e Xesús Morlán recolleron o premio a mellores adestradores de base.
O departamento de Deportes da TVG levou o premio ao mellor labor informativo. Os galardóns ás mellores iniciativas deportivas foron para Iván Castro e Rubén Pintos, na categoría de deporte escolar; Óscar Carballo, en deporte de base, e a Liga Nacional de Billarda, en deporte tradicional.
A revelación da temporada foi o piragüista Miguel Rodríguez Galbán, mentres que o premio á traxectoria foi para o futbolista Míchel Salgado. As mencións especiais do xurado foron para Óscar Pereiro e Nicolás Bayón Meleiro.
A conselleira, Ánxela Bugallo, agradeceulle a todo o deporte galego “as moitas cousas que nos ten dado neste tempo” dende que o representa institucionalmente.