Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Nadal 2007

A maxia espállase por Galiza

Segunda edición dun circuíto no que 23 magos viaxarán por 50 concellos da xeografía galega co fin de dar a coñecer esta modalidade artística.

Redacción - 17:43 26/11/2007

Trala magnífica acollida da anterior edición do Nadal Máxico, a Asociación de Magos Profesionais organiza este ano, aínda con máis forza, o II Circuíto Galego da Maxia. Nesta ocasión, son 50 os concellos que se sumaron á iniciativa, que conta con 23 artistas, para a posta en escena dos diferentes espectáculos. As actuacións cambiarán dependendo das datas e das localidades, e estarán dotadas de recursos escénicos propios.

A iniciativa, promovida pola Asociación de Magos Profesionais de Galicia, conta co apoio da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e do IGAEM , e está cofinanciada polos concellos. O seu obxectivo é o de achegar aos cidadáns a esta actividade artística e fomentar o consumo deste tipo de espectáculos.

O circuíto forma parte dunha serie de iniciativas levadas a cabo polos magos galegos, para “introducir a maxia dentro da cultura”, segundo indicou o Mago Antón na presentación desta actividade. Antón destacou tamén os tres momentos “cheos de maxia” que deron pulo a este sector: a creación da Asociación de Magos Profesionais de Galicia, as axudas aos investimentos para acadar “espectáculos competitivos e exportábeis” e a aparición dun circuíto específico para a maxia como este.

Tempo de avance
"A maxia galega ten cada vez un mellor recoñecemento", segundo indicou o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, quen indicou tamén que "estamos no mellor momento para dar un gran salto adiante e situarnos como sector punteiro a nivel mundial".

Pola súa parte, o concelleiro de Cultura compostelán, Néstor Rego, en representación de todos os concellos que se sumaron á iniciativa, destacou que este é un “circuíto perfecto para desenvolver a potencialidade do noso país, e isto conséguese co respaldo das administracións públicas”. O concelleiro nacionalista destacou tamén que Compostela manifestou nos últimos meses unha “aposta especial” por estas actividades artísticas, mediante a celebración da Semana Internacional do Ilusionismo, un “escaparate do bo facer dos magos de Galiza”.

Luz, música e espectáculo
A Asociación de Magos encárgase da produción das diferentes representacións, que contarán con recursos de iluminación, música e escenografía argallados polos propios artistas. Tamén haberá variedade nas exhibicións, que abranguen dende a maxia de preto, unipersoal, escapismo, mentalismo ou ilusionismo entre outras variedades.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: