A oposición ausentouse da votación e nas rúas da cidade de Sucre producíronse graves incidentes.
En medio dunha notábel tensión, o Movemento ao Socialismo (MAS), de Evo Morales, conseguiu sacar adiante en Bolivia unha nova Constitución Política do Estado. A asemblea política tivo que celebrarse nun cuartel militar e á mesma non quixeron acudir os deputados opositores. Finalmente estiveron presentes 138 (136 votaron a favor) dos 255 representantes saídos das urnas en 2006. Mentres se celebraba a votación producíronse fortes protestas nas que houbo graves disturbios. Nas mesmas morreu un manifestante e hai máis dun cento de feridos.
O ex presidente Jorge Quiroga, líder da oposición conservadora, considera que Morales praticou unha “manobra que deixa fóra á metade dos bolivianos” e que busca a posibilidade de ser reelixido indefinidamente. Quiroga acusa ao goberno de impoñer unha reforma constitucional coa axuda do presidente de Venezuela Hugo Chávez. Dende o goberno lembran que a nova Constitución nace dun proceso democrático e léxitimo.