Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ISA, BAIXISTA DE TRIÁNGULO DE AMOR BIZARRO

"O 'indie' faise cos patróns de Chenoa; nós en cambio temos unha mensaxe que dar"

TAB formouse na Coruña, onde coincidiron os seus tres integrantes, dous galegos e un albaceteño. Considerado pola crítica como o grupo revelación do ano, esta fin de semana regresaron ás salas galegas.

Marcos S. Pérez - 14:00 25/11/2007



Triángulo de Amor Bizarro (TAB) rompéronlle os tímpanos a máis dun ao longo de 2007. E a algún rompeulle outra cousa. Dise que TAB é unha patada nas partes do rock estatal, e debe ser que o merecía. O seu primeiro disco, editado en febreiro, foi recibido como o lanzamento máis prometedor na última década, e xa está aquí o segundo, El hombre del Siglo V, que inclúe catro temas inéditos e as maquetas que deron lugar ao primeiro álbum. TAB demostra concerto a concerto que son moito máis que o enésimo produto da prensa musical especializada, moito máis que un conxunto de boas influencias. Un día destes Triángulo vaille romper o pescozo a alguén, nun dos baile espasmódicos que provocan. Que siga o ruído.

Esta fin de semana volveron ás salas galegas: o venres o aniversario de Noni's, na Coruña, e o sábado primeiro concerto en Ferrol, no Manchita. Nun descanso da proba de son, Isa, a baixista comenta as últimas novidades da banda.

Volver á casa debe ser algo exótico para vós. Cantos concertos levades este ano?
Moitos, pero non os contamos, queda feo. Atopámonos con grupos por aí que van dicindo: "levamos 73", e tal, e non nos gusta. Para nós o máis importante é tocar, non nos importa non durmir un día, ou cruzar toda España nunha noite.

Teredes anécdotas de todo tipo, non si? Concertos nos que nin puidestes probar o son, coma o de Boiro en xuño...
Si, deunos moita rabia, porque estaban as nosas familias, e foi con diferenza o peor concerto do ano. E entre a chuvia, que non puidemos probar o son, que viñamos de tocar no sur e case non durmíramos, foi un desastre. Tamén houbo concertos incribles, como o da Razzmatazz, na sala grande, ou en Fuencarral, nas noites blancas. Está moi guai tocar no centro de Madrid, ao aire libre, sobre todo porque agora é case imposíbel, coas leis de ruídos e todo iso.

Cando ides a México?
Aínda o está tramitando EMI. Serán uns cinco concertos ou así, pero é complicado, é un país moi grande.

Deben ter algo de medo agora, co de Melendi...
Jeje, si, pero a verdade é que nos fai moita ilusión, porque é un país que está descubrindo agora a música independente, igual que a España chegou hai uns poucos anos. E grupos españois que foron alí, tiveron moito éxito, como El Columpio Asesino.

Por que sacar un segundo disco con catro temas inéditos e as maquetas do primeiro álbum remasterizadas? Non sería máis normal un ep de catro cancións?
Propúxonolo a discográfica e gustounos a idea, porque case nunca se fai. No fondo fixémolo para pechar esta primeira etapa e deixar atrás totalmente todas esas cancións. Ademais, se crea polémica, mellor.

Nos medios tense falado moitísimo de vós este último ano. Algunha cousa que che chamara especialmente a atención?
Cousas que poñían sobre as nosas influencias, ou unha vez que nos cambiaron o nome a todos. A verdade que non leo moito o que poñen. Sobre todo porque son moi visceral e en xeral o ser humano non me cae demasiado ben, e basicamente porque me importa unha merda.

Cres que o impacto de TAB neste ano débese a que en realidade a música independente do Estado queda moito nas formas, e ao final ten sons limpos, voces altas e letras tontas?
Si, hai moitas cancións de "me he comprado unos zapatos y voy por la calle...". Fastídiame moito cando alguén que ademais parece que sabe algo de música ven e dinos "pero non se entenden as voces". Ao final o 'indie' faise cos patróns de Chenoa. Nós en cambio temos unha mensaxe que dar, e temos un rollo surrealista nas letras que a min persoalmente gústame moito. Transmitimos emocións primarias.

Algún tuno veu axustar contas con vós?
Pois non. Pero é que ademais foron os propios tunos os que nos deixaron os traxes para o vídeo. Falei eu cos de Arquitectura. E tampouco lles facía moita gracia, pero eu asegureilles que non iamos facer nada malo, que só se trataba de poñer un tuno sinistro, que non lle iamos meter un pau polo cu nin nada.

Algún grupo que vos sorprendera este ano?
Si, na xira coñecemos moita xente. Standstill, que teñen un directo moi bo, Travolta, Standard...

E algún co que usariades a navalla?
Non debería dicir ningún, pero vou dicir Najwa Nimri, que dá puto noxo. E Dorian, que son uns requintados.

E algún grupo que recomendedes de Galiza?
Levamos uns meses un pouco desconectados, sen socializar moito, pero diría Vale Tudo, e Señor, que toca hoxe con nós.

E para cando cancións novas?
Xa temos cousas, e podería ser antes do verán. A verdade é que ás veces comezo a fartarme de tocar algunhas cancións. Pero depende de Carlos Hernández (o seu produtor), teremos que facer cola. Antes do verán, seguro, queremos saturar. E agora teño que marchar...

(Durante toda a última pregunta comezábase a escoitar de fondo a batería de Julián)


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Isa é a baixista da banda
Isa é a baixista da banda
'El Hombre del Siglo V', segundo álbum de TAB
'El Hombre del Siglo V', segundo álbum de TAB